As instalacións do Sigüeiro Xuventude Oroso acolleron esta mañá mércores 15 de xullo, ás 13:00 horas, a presentación do Campus Fundación Celta by Cabreiroá, unha iniciativa organizada pola Fundación Celta de Vigo e o Concello de Oroso dirixida a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos.
Acudiron representando ao Concello Manuel Mirás, alcalde da localidade, Antonio Leira, concelleiro de deportes e José Ferro, presidente do Xuventude Oroso. Representando á Fundación Celta de Vigo acudiron Germán Arteta, director da Fundación e Álex Abalde, coordinador xeral de campus e clinics e responsable de Celta Integra.
O campus, que vén celebrando desde hai xa unha década, terá lugar entre o 3 e o 7 de agosto no Campo Municipal Liño Balado e cumpre con todos os protocolos sanitarios de protección fronte ao COVID-19. Inclúe ademais un equipamento ADIDAS e un desconto para empadroados no Concello de Oroso.