
O Celta Fortuna sumou tres puntos de gran valor na súa visita a O Couto. Os tantos de Álvaro Marín, Hugo González, Bernard Somuah e De la Iglesia déronlle ao filial celeste unha remontada de moito mérito nun derbi para enmarcar.
O partido arrancou cun Ourense atrevido, que avisou moi cedo e obrigou a intervir a Coke Carrillo en dúas ocasións durante os primeiros compases. Pola súa banda, os celestes foron medrando co paso dos minutos e, tras unha boa xogada, atoparon premio antes da primeira media hora. Pablo Gavián colgou un centro ao área que Álvaro Marín cabeceou ao fondo da rede para asinar o 0-1 e o seu décimo tanto da tempada. Pero a alegría durou pouco, xa que Raúl Hernández igualou o partido no minuto 28 cun gol que deixaba todo por decidir.
Tras o paso por vestiarios, o conxunto local volveu golpear. No minuto 53, un tiro a porta que rozou Meixús acabou dentro da portería, complicando o encontro para os de Fredi Álvarez, que lonxe de virse abaixo, reaccionaron con personalidade e atoparon o empate nunha xogada con selo propio. No minuto 77, Hugo González fixo das súas cun lanzamento de falta que se coou pola escadra para facer o 2-2 e manter viva a súa conta como máximo goleador celeste do curso.
O treito final tivo ocasións para ambos equipos, pero o Fortuna deu un paso adiante e, no minuto 90, Bernard Somuah asinou o 2-3 que adiantaba aos celestes. Lonxe de baixar o ritmo, os de Fredi seguiron na procura do cuarto. Unha sentenza que chegaría no minuto 103, cando De la Iglesia asinou o 2-4 tras varios rexeites na área para desatar a celebración celeste e certificar unha vitoria para o recordo en O Couto.
Con esta vitoria, o Celta Fortuna reencontrase co triunfo e mantense firme no segundo posto da clasificación. A próxima cita do filial celeste será o domingo 17 de maio ante o CD Lugo en Abanca Balaídos, un novo derbi no que buscarán seguir sumando de tres.
FICHA TÉCNICA:
2 – Ourense CF: Álvaro; Hugo Sanz, Fran Carmona, Miguel Prado, Nacho Castillo (Iker Punzano, min. 87); Jerin, Sergio Benito (David Muñoz, min. 73), Adri Pérez; Raúl Hernández (Aitor Aranzabe, min. 55), Adrián Guerrero (Martín Ochoa, min. 73) e César Moreno (David Rabadán, min. 55).
4 – Celta Fortuna: Coke Carrillo; Anxo Rodríguez (Milla, min. 87), Pablo Meixús (Joel López, min. 76), Quique Ribes; Pablo Gavián (De la Iglesia, min. 87), Hugo Burcio, Dela, Capdevila (Bernard Somuah, min. 71); Ángel Arcos (Jan Oliveras, min. 76), Álvaro Marín e Hugo González.
Goles: 0-1, min. 24: Álvaro Marín; 1-1, min. 28: Raúl Hernández; 2-1, min. 53: Adrián Guerrero; 2-2, min. 77: Hugo González; 2-3, min. 90: Bernard Somuah; 2-4, min. 103: De la Iglesia.
Árbitro: Aleksandar Ivaylov. Mostrou cartón amarelo a Álvaro Marín (min. 36), Jan Oliveras (min. 82), Hugo Burcio (min. 85) e Marcos González Maestu (min. 93) por parte do Celta Fortuna e a Jerin (min. 84), David Rabadán (min. 86), David Muñoz (min. 86) e Fran Carmona (min. 93) por parte do Ourense CF.
Incidencias: Encontro correspondente á Xornada 36 do Grupo I de Primera Federación disputado no Estadio do Couto.