
O Celta Fortuna sumou un punto ante o Córdoba CF en Abanca Balaídos nun encontro no que o filial se adiantou en dúas ocasións e afrontou toda a segunda metade en superioridade numérica, pero non logrou transformar o seu dominio nunha vitoria que tivo moi preto.
A pesar das numerosas baixas coas que chegaba ao encontro, o Fortuna mantivo a súa identidade desde o inicio, apostando pola posesión e a verticalidade para buscar a portería rival. O partido respondeu as expectativas e pronto se converteu nun intercambio de chegadas. Capde e Óscar Marcos protagonizaron os primeiros avisos celestes, antes de que Kibet rompese a igualdade cunha boa acción individual que culminou cun disparo raso para asinar o 1-0. A resposta do Córdoba foi inmediata e Diego Bri restableceu o empate cunha chegada por banda esquerda.
O encontro mantivo a intensidade ata o descanso, que veu precedido por unha acción determinante para o desenvolvemento posterior. Unha dura entrada de Álex Martín sobre Óscar Marcos, inicialmente sancionada con amarela, foi revisada polo VAR e acabou supoñendo a expulsión do xogador visitante.
Cun home máis, o Fortuna deu un paso adiante tras o intermedio e fíxose co control do partido. A insistencia atopou recompensa cando Álvaro Marín aproveitou un rexeite do gardameta para devolver a vantaxe aos celestes. O filial buscou ampliar diferenzas, pero o Córdoba soubo resistir e atopou o empate tras unha acción por banda dereita.
A recta final estivo marcada pola expulsión de Isma Ruiz, que deixou ao conxunto andaluz con nove futbolistas durante os últimos minutos. O Fortuna apertou en busca do triunfo e tivo a última gran oportunidade nun remate de cabeza de Ndiaye que se marchou fóra cando Balaídos xa esperaba o terceiro tanto.
Empate agridoce para un Celta Fortuna que competiu a un gran nivel ante o equipo con maior porcentaxe rematador da categoría. Agora, o conxunto de Fredi Álvarez prepárase para afrontar dúas xornadas consecutivas lonxe de Abanca Balaídos coas visitas a Burgos e Albacete.
FICHA TÉCNICA:
2 – Celta Fortuna: Coke Carrillo; Quique Ribes (Germain Milla, min. 68), Seyni Ndiaye, Joel López; Pablo Gavián, Adrià Capdevila (Stefan Bajcetic, min. 78), Mateo Sobral (David Sueiro, min. 78), Ángel Arcos; Kibet (Vlad, min. 68), Óscar Marcos (Ángel Davila, min. 87) e Álvaro Marín.
2 – Córdoba CF: Iker Álvarez; Budesca, Gutiérrez, Alex Martín, Tasende; Eder García (Damián, min. 61), Isma Ruiz, Ghailan (Théo Zidane, min. 77); Carracedo (Rubén Alves, min. 46), Bri (Enol, min. 61) e Percan (Víctor, min. 61).
Goles: 1-0, min. 24: Kibet. 1-1, min. 26: Diego Bri. 2-1, min. 56: Álvaro Marín. 2-2, min. 73: Víctor Sánchez.
Árbitro: Saúl Ais (Comité Valenciano). Por parte do Celta Fortuna, amoestou con cartón amarelo a Álvaro Marín e a Óscar Marcos. Mentres que, por parte do Córdoba CF, expulsou con vermella directa a Alex Martín (min. 45) e a Isma Ruiz (min 85) ademais amoestou con amarela a Carracedo e a Théo.
Incidencias: Partido correspondente á Xornada 12 de LaLiga Hypermotion disputado en Abanca Balaídos ante 3.124 espectadores. Nos prolegómenos do encontro gardouse un respectuoso minuto de silencio en memoria das vítimas do accidente ferroviario de Toledo.