VINA edición do Curso Denominación de Orixe Celta non se detén a pesar de ser festivo e onte luns día 1 de novembro celebramos a súa quinta xornada no Salón Rexio da Sede, protagonizada por Pepe Casal. Preparador físico vigués, gran celtista e distinguido coa Insignia de Ouro do Club, de extensa traxectoria e recoñecido por moldear ao recentemente retirado xogador de baloncesto Pau Gasol.
Nunha entretida entrevista dirixida polo responsable da canteira do RC Celta Eduardo Covelo, Pepe Casal compartiu con todos os asistentes anécdotas e historias dunha dilatada carreira deportiva, a súa experiencia e moitos coñecementos no adestramento físico e a formación de mozos deportistas. Desde os seus inicios como atleta, chegando a ser campión galego dos 200 metros e campión de España universitario na mesma distancia, pasando polo baloncesto, deporte onde logrou encumbrarse.
Pepe Casal comeza a súa carreira como preparador físico no Obradoiro CAB, onde tamén exerce as funcións de adestrador e secretario técnico, onde consegue un dos seus primeiros éxitos, o ascenso á ACB. Aíto García Reneses, adestrador crave na carreira do galego, no ano 1999 encárgalle a preparación física do primeiro equipo do FC Barcelona. Tres apaixonantes tempadas onde alcanza unha Liga ACB e unha Copa do Rei. Aí comeza a súa relación co maior dos irmáns Gasol e convértese no adestrador persoal do mellor xogador da historia do baloncesto español. Presta os seus servizos á Federación Española de Baloncesto en categorías de formación e absolutas, tanto masculina como feminina, formando parte do corpo técnico da selección que consegue a medalla de prata nas Olimpíadas de Pequín de 2008, despois de perder a final contra o combinado dos EEUU no considerado mellor partido da historia FIBA.
Actualmente, é o Presidente da Fundación Heracles e máximo responsable das categorías inferiores do Obradoiro CAB.
O seguinte relator de VINA edición do Curso Denominación de Orixe Celta será Santiago Tarrío, golfista profesional galego con grandes éxitos internacionais. Sexta xornada que se celebrará o vindeiro luns día 15 de novembro, de maneira presencial, no Salón Rexio da Sede.