O RC Celta alcanza a cifra de asociados máis alta da súa historia sumando 30.000 celtistas repartidos por todo o mundo. Unha gran familia celeste que non deixa de crecer e que destaca a forte unión existente entre o club e os seus afeccionados.
A fiel aposta pola canteira e o arraigamento coas nosas raíces son os principais acenos de identidade do club e coas que cada vez máis xente sente identificada facendo que o número de celtistas creza cada día. Destacar que, dos 30.000 celtistas, o 69’28% son ademais abonados mentres que o 30’72% restante pertence ao colectivo de carné Celtista, Celtistas As Celtas, ou Celtista Fundación. Uns datos que demostran o éxito da última campaña para a tempada 24/25, “Herdeiros“, que unida ao lanzamento do carné Celtista aumentou considerablemente a presenza celeste en practicamente todo o mundo.
Un sentimento de pertenza que dificilmente se pode explicar pero que está presente, non só en cada unha das comunidades autónomas de España, senón que viaxa por todo o mundo. En Europa son moitos os países que contan con afeccionados celestes como Alemaña, Francia, Holanda, Dinamarca, Grecia, Italia, Polonia, Suecia, etc. Aos que se suman outros territorios como EEUU, Emiratos Árabes, Arxentina, Nova Zelandia, Hong Kong, Singapur, Xapón, Uruguai, Israel, Colombia ou Canadá, entre outros.
Uns datos históricos que nos enorgullecen e que demostran o bonito sentimento que nos une. Un sentimento ao que cada vez se poderá unir aínda máis xente grazas ao Carné Celtista que mantén a inscrición aberta ao longo de toda a tempada, excepto na modalidade de abonado.
Para o RC Celta un dos seus piares fundamentais son os afeccionados dos que, ao longo dos seus máis de 100 anos de historia, recibiu un apoio fiel e incondicional. O club móstrase moi agradecido con cada unha desas persoas que presumen orgullosas do seu corazón celeste en calquera recuncho do mundo. Porque xuntos somos máis fortes. Porque xuntos cada vez seremos máis.
Grazas, afección!