O vindeiro venres 21 de febreiro, ás 21:00 horas, Abanca Balaídos vivirá un momento único e inesquecible. O enfrontamento contra o CA Osasuna marcará o último partido da bancada de Gol actual, antes do comezo da demolición que transformará esta histórica e última zona do estadio orixinal.
A bancada de Gol é o último sitio do antigo Abanca Balaídos, un lugar onde familias, amigos e xeracións enteiras viviron emocións indescritibles. Aquí celebráronse goles que quedarán para sempre na memoria e forxouse o amor eterno polas cores celestes para moitos dos nosos abonados.
Fin do proceso de inscrición e recolocación
Unha vez que os abonados de Gol xa completaron o proceso de inscrición para a recolocación ata o día de onte, e coa práctica totalidade dos abonados coa inscrición realizada, a partir do luns 24 de febreiro e ata o luns 3 de marzo, o club comezará a contactar cos coordinadores dos grupos ou co abonado de forma individual, se non realizou grupo para proceder á asignación dos asentos.
Este contacto seguirá unha orde estrita da antigüidade media do grupo ou única se a inscrición foi individual.
Un momento para o recordo, para unha bancada que merece un “ata pronto” á altura da súa historia.
O club quere agradecer a todos os abonados de Gol a súa colaboración e comprensión en todo este proceso.