WhatsApp Image 2025-05-13 at 23.18.33
Novas primeiro equipo

O Celta conquista Anoeta e segue soñando | Real Sociedad 0-1 RC Celta

RC Celta

Un gol de Alfon ao fío do descanso e unha segunda parte de enorme resistencia permiten ao RC Celta levar unha vitoria de prestixio ante a Real Sociedade en San Sebastián. Tres puntos que reafirman o gran momento dos celestes, que non renuncian a nada neste emocionante tramo final de tempada.

O Celta saíu a competir a un dos campos máis esixentes do campionato, e fíxoo con valentía. Avisou moi pronto Borja Iglesias cunha ocasión clarísima e, aínda que a Real respondeu con posesión e empuxe, os celestes souberon adaptarse, ler o partido e esperar o seu momento. O conxunto de Imanol Alguacil tocaba, pero sen profundidade, fronte a un Celta moi ben plantado en bloque medio baixo, sen deixar espazos e esperando a súa oportunidade. O plan funcionaba. A medida que avanzaban os minutos, os galegos fóronse asentando, gañando metros e comezando a incomodar á Real na saída de balón. Mingueza rozou o gol cun disparo desde a frontal que se foi alto, e Fer tentou unha acción individual que acabou perdéndose por liña de fondo. A solidez táctica e un chisco de fe deron os seus froitos no 44’, xusto antes do descanso. Nunha contra conducida con pausa e precisión por Borja Iglesias, Alfon plantouse ante Remiro. O seu primeiro intento foi repelido polo gardameta txuri urdin, pero o rebote caeu de novo nos seus pés e esta vez non perdoou (0-1). Quinto gol en Liga do celeste e golpe de autoridade xusto antes da saída a vestiarios.

Como era de esperar, a Real saíu con todo e a segunda metade foi unha proba de carácter. A primeira ameaza chegou tras unha man de Sergio Carreira na frontal, pero o lanzamento de falta non xerou perigo. Minutos despois, Pablo Marín asinou o primeiro remate claro dos locais, un disparo ás mans de Guaita que o porteiro celeste tivo que deter en dous tempos. O asedio donostiarra continuou e rozou o empate nunha dobre acción que comezou cun cabezazo de Oyarzabal ao traveseiro e terminou cun despexe providencial de Carlos Domínguez baixo paus cando o balón ameazaba con cruzar a liña.

Durante as últimas rabexadas do encontro, os once celestes fíxose un, abrazándose a unha defensa férrea e a unha fe cega en Vicente Guaita, impoñente baixo paus, sostendo ao equipo con paradas de enorme mérito, que os levou a blindar a vitoria nun escenario de máxima esixencia.

Con este triunfo no Reale Arena, o RC Celta firma o seu partido número 2000 en Primeira División e o 50º de Claudio Giráldez á fronte do primeiro equipo. Unha vitoria que vale máis que tres puntos, vale ilusión, e que leva agora a centrarse no último encontro do curso en Abanca Balaídos, que se presenta como unha festa, como unha oportunidade para celebrar un ano de crecemento, compromiso e soños que seguen vivos. Porque este Celta non se conforma. Este Celta cre. Este Celta quere máis.

Vémonos o domingo no templo celestes, afección.

FICHA TÉCNICA:

0 – Real Sociedad: Remiro, Traoré (Aramburu, min.60), Aritz, Zubeldia, Aihen (Javi López, min.78), Zubimendi, Marín, Brais Méndez (Sučić, in.78), Sergio Gómez (Barrene, min.60), Take e Oyarzabal (cap).

1 – RC Celta: Guaita, Javi Rodríguez, Domínguez, Ristic (Lago, min.78), Ilaix, Fran Beltrán (cap), Carreira, Mingueza, Fer López (Pablo Durán, min.66), Alfon (Swedberg, min.78) e Borja Iglesias (Iker Losada, min.78).

Goles: 0-1: Alfon, min.44.

Árbitro: García Verdura. Amonestou aos locais Aihen, Zubimendi e Sučić e ao visitante Ilaix Moriba.

Incidencias: Partido correspondente á Xornada 36 de LaLiga EA SPORTS disputado no Reale Arena ante 25.124 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas