Este mércores 10 de xullo, a Cidade Deportiva Afouteza foi escenario do acto simbólico de colocación da primeira pedra da segunda fase do proxecto GS360, que dende agora pasa a chamarse Celta360. O evento marcou o comezo dunha nova etapa na historia do club, o inicio dunha cidade deportiva máis innovadora e aberta a todos, que busca converterse nun referente a nivel mundial.
Deportistas de elite, diferentes autoridades, patrocinadores vencellados ao proxecto e traballadores do club non quixeron perder o acto, así como os máis de 200 celtistas que acudiron ilusionados á presentación desta nova fase.
O evento comezou cunha introdución da presentadora galega Esther Estévez, quen foi a encargada de conducir unha tarde moi especial, dividida en tres momentos: pasado, presente e futuro.
O recordo da orixe do club chegou da man de Juan de Castro, neto de Manuel de Castro Handicap. O presente estivo representado por deportistas de talla mundial como Rodrigo Corrales, xogador de balonmán; Teresa Portela, piragüista; María Araujo, xogadora de baloncesto; e o relevante preparador físico, Pepe Casal. Todos eles ilustraron, e ilustran, á perfección os valores de esforzo e compromiso que Celta360 quere seguir impulsando nesta nova fase. O futuro foi narrado por Lara, capitá de As Celtas, e Damián, xogador do primeiro equipo celeste, ambos exemplos perfectos de como a canteira e o traballo abren camiños reais cara á elite e do tanxible que é pasar da bancada ao campo.
Tras este bloque, Esther deu paso a Carlos Cao, director de infraestruturas do club; Marco Garcés, director de fútbol; e Claudio Giráldez, adestrador do primeiro equipo, para falar sobre a competitividade do Celta, sobre o seu futuro e a mellora deste en canto a instalacións e tamén na parte profesional e persoal de todos e todas os e as futbolistas.
“Hoxe iniciamos esta segunda fase de Celta360 e facémolo cunha mestura de emoción, ilusión e, sobre todo, de orgullo… Estamos ilusionados e preparados para afrontar o que este proxecto representa para o club e para o deporte galego… Celta360 reforzará esa conexión coa comunidade, porque agora si, con esta segunda fase, será un lugar aberto para todos os celtistas e para toda a comunidade”, afirmou Marián Mouriño. A presidenta do club tamén quixo facer referencia ao que significa este proxecto para o Celta, recollendo no seu discurso cada punto dos anteriormente mencionados e destacando que a creación da nova Cidade Deportiva Afouteza foi posible grazas ao apoio dos traballadores, dos patrocinadores, da Comunidade de Montes de Pereiras, do celtismo e das institucións, que tamén tiveron o seu momento. Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, asegurou que “entre todos conseguímolos… Grazas por confiar en Mos e en min… Este será un legado para os nosos fillos e para os nosos netos”; algo que revalidou Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, que bautizou este proxecto como “unha aventura para todo o mundo… Imos xuntos no mesmo barco… Este é o futuro do Celta, pero tamén do deporte en Galicia… Isto transcende o fútbol… Isto non é máis que o principio”.
O broche final púxoo o escritor Defreds, cun emotivo texto que deu paso ao cóctel de peche, onde todos os asistentes puideron compartir a ilusión polo futuro do club e do proxecto Celta360.
Afouteza medra, e con ela, o soño celeste.
Celta360 propón a creación dun complexo multifuncional que permitirá aos mozos deportistas completar a súa formación nun contorno de alto rendemento. Un proxecto ambicioso cun obxectivo claro: reforzar A Canteira do Celta e posicionar o club como un referente na formación académica e deportiva a nivel internacional.
O complexo contará cun mini estadio, cinco novos campos de adestramento para os equipos xuvenís e cadetes do Celta e As Celtas, un Centro de Formación, onde se impartirán ciclos universitarios e de FP en materias relacionadas coa saúde e o deporte, unha residencia para os xogadores da canteira e das Academys e para estudantes, unha zona de restauración para dar servizo ao complexo e un hotel para visitantes, deportistas e participantes nos eventos de carácter académico, cultural e social que se organicen. A infraestrutura culminará con dúas zonas dedicadas á clínica deportiva e á innovación no deporte.
A Cidade Deportiva Afouteza abranguerá diferentes liñas mestras: laboratorios de investigación, cultura, lecer, turismo deportivo, medicina deportiva, instalacións para a práctica de todos os deportes, etc. Unha firme aposta en beneficio do deporte galego para capitalizar o enorme traballo que realizan as federacións e clubs deportivos de forma individual.
Para iso, contouse co asesoramento da consultora inmobiliaria CBRE que, a través da súa división de Sports Real Estate, abarcou diferentes liñas de actuación, desde a definición do mix de usos óptimo do proxecto, ata a elaboración do business plan e a procura de importantes operadores como Los Sauces, Grupo Metrodora o Telefónica, entre otros. O proxecto entra agora nunha nova etapa onde CBRE Project Management encargarase da xestión da construción e o control de custos en todas as súas fases.