O Celta e a Institución Educativa Los Sauces renovaron o acordo de colaboración que ambas as entidades manteñen desde 2013 para a escolarización dos xogadores das categorías inferiores do club.
Esta nova firma incorpora importantes novidades xa que esta institución xestiona o colexio internacional que dará formación aos residentes nos programas Academy de Celta360, unha instalación que estará situada na nova Cidade Deportiva Afouteza e que se será un piar fundamental para o crecemento persoal e deportivo dos mozos.
O acto da firma contou coa presenza da presidenta do Celta, Marián Mouriño, quen ve este acordo como unha oportunidade para “crecer xuntos. Sempre estamos encantados de colaborar cos Sauces, pero esta vez aínda máis, ao contar cun proxecto máis ambicioso como é Celta360, no que unidos achegaremos educación de calidade aos mozos, tanto formativa como en valores”; e o director xeral dos Sauces, José Antonio Rois, quen, ademais de enorgullecerse por esta renovación, destacou que a colaboración co club vén “desde o 2013 e vimos durante todos estes anos como o Celta foi capaz de vincular os valores do deporte coa educación e que haxa esixencia en ambos os sentidos”. Tamén asistiu Luis A. Yáñez, director business development sports de CBRE, impulsor da firma, e diversos representantes da Institución Educativa.
Grazas a este convenio, os xogadores celestes en formación seguirán accedendo a unha educación de calidade, mentres que a nova residencia quedará en mans expertas, reforzando unha colaboración que, tras máis dunha década, mantense sólida e en constante evolución.