16-9
Celtismo

Abanca Balaídos volverá derrubar a Porta da Gamboa na previa do Celta-Alavés

RC Celta

Este domingo, xusto antes de que dea comezo o partido entre o Celta e o Deportivo Alavés, Abanca Balaídos lembrará un episodio histórico de resistencia e orgullo vigués. Desta maneira, e a tan só unha semana para a celebración da Festa da Reconquista, o Celta volverá profundar nas súas raíces para render tributo a unha das tradicións máis arraigadas da cidade cunha representación sobre o terreo de xogo que evocará a expulsión do exército napoleónico alá por 1809.
Baixo a dirección da Asociación Cultural do Casco Vello de Vigo, preto de 80 integrantes, capitaneados polo coronel Cachamuíña, revivirán sobre o céspede a esencia do episodio máis emblemático da nosa cidade. Con música, vestimentas tradicionais e unha impecable posta en escena, a historia de Vigo será protagonista na previa dun partido de Laliga seguido por miles de persoas en todo o mundo.
Fai xa máis de dous séculos que Vigo se convertía na primeira cidade de Europa en expulsar ao exercito de Napoleón e agora, o Celta retorna ás súas raíces para render homenaxe a quen forxou a nosa identidade con suor, sacrificio e valentía. Un tributo que xa viu a luz co lanzamento da camiseta especial “A Reconquista de Vigo” e coa que os milicianos de Claudio Giráldez saltarán ao terreo de xogo este domingo. Un deseño que conta coa bandeira e a historia de Vigo como principais protagonistas e que podes conseguir tanto na web de rio1923.gal como nas tendas oficiais da Sede e Abanca Balaídos.
Con todo, o club convida o celtismo a acudir este domingo con antelación e formar parte dunha homenaxe que converterá Abanca Balaídos en toda unha rebelión porque xuntos, unha vez máis, volveremos derrubar a Porta da Gamboa.
Esperámosvos, afección!

RC Celta

Etiquetas

Celtismo

Siguiente noticia

Noticias recomendadas