
Abanca Balaídos viviu este luns unha tarde moi especial con motivo da inauguración da exposición fotográfica ‘As cores de Galicia: o celeste na pel’, que arrancou cun coloquio no que participaron tres dos seus protagonistas: Sergio Álvarez, Alvelo e Manolo, xunto a Lucas Méndez, un dos fotógrafos responsables da mostra, e varios representantes do club. Un encontro que espertou un grande interese e que contou coa presenza de celtistas e representantes dos medios de comunicación, que se achegaron para coñecer máis de preto a historia que hai detrás desta iniciativa.
Durante o encontro, os exfutbolistas compartiron recordos e experiencias arredor de máis de 70 anos de historia do Celta. Un percorrido por distintas épocas e xeracións que permitiu lembrar como se vivía o celtismo nas súas localidades de nacemento, precisamente algúns dos escenarios elixidos para dar vida ás fotografías da exposición. Tamén houbo espazo para conversar sobre a evolución do club, o seu presente e aquilo que permanece co paso dos anos: a maneira de sentir e representar estas cores.
Pola súa banda, Lucas Méndez explicou o proceso creativo que deu forma ao proxecto, desde a idea inicial ata a elección dos escenarios e dos protagonistas, ademais de compartir a motivación e o propósito que hai detrás desta proposta fotográfica. Unha ollada persoal que permitiu descubrir todo o traballo e a intención que acompañan cada unha das imaxes.
A exposición continúa agora aberta e poderá visitarse de balde ata o 13 de novembro na explanada de Tribuna de Abanca Balaídos, no espazo das Xuntanzas. Un percorrido por máis de sete décadas de historia a través de 56 fotografías analóxicas e once lendas celestes, retratadas polo propio Lucas e o seu irmán, Enrique Méndez, en diferentes puntos de Galicia.
Para o Celta é un orgullo seguir impulsando iniciativas culturais que achegan a súa historia e o seu legado á afección, e unha satisfacción poder compartilas con todo o celtismo, mantendo viva unha memoria que nos une e que seguirá escribíndose en celeste.