
O Celta pon á venda as entradas para o partido como visitante ante o Real Madrid. Desde este momento, xa está dispoñible a pre-reserva de localidades para este encontro, que se disputará o vindeiro sábado 21 de novembro, ás 21:00h., no Estadio Santiago Bernabéu. As entradas terán un prezo único de 70 euros.
A continuación, explicamos polo miúdo como realizar o proceso e cales son os pasos que hai que seguir desde o Portal do Celtista:
Pre-reserva e adxudicación
Para optar a unha entrada na bancada visitante (70 euros), é necesario realizar unha inscrición no Portal do Celtista de maneira individual ou en grupo (dun máximo de 6 celtistas) e aboar un importe de pre-reserva (5 euros) co obxectivo de que as solicitudes sexan en firme. Este importe será devolto no caso de non resultar seleccionado/a.
Este pagamento non garante automaticamente a entrada, senón que permite participar no proceso de adxudicación, que se rexe polos seguintes criterios:
- 75% das entradas adxudícanse segundo a antigüidade: tense en conta a media de antigüidade no caso dos grupos e a antigüidade individual nas solicitudes persoais.
- 25% das entradas adxudícanse mediante un sorteo entre o resto dos solicitantes.
Unha vez finalizado o proceso de adxudicación, todas as persoas inscritas recibirán un correo electrónico coa resolución da súa solicitude.
Pagamento final para as persoas seleccionadas
Os celtistas que resulten seleccionados recibirán un correo electrónico de confirmación coas instrucións para completar a compra, aboando a diferenza respecto do importe da pre-reserva realizada.
- Para formalizar a compra, deberán seguir estes pasos:
- Acceder ao Portal do Celtista e dirixirse ao apartado «Entradas Visitante».
- Completar o pagamento nun prazo máximo de 48 horas desde a recepción do correo electrónico.
- Recibirán a confirmación da compra e a información sobre a entrega da entrada.
⚠ Importante: Se o pagamento non se realiza dentro do prazo indicado, perderase o dereito a mercar a entrada e o importe da pre-reserva non será reembolsado.
Devolución para as persoas non seleccionadas
Aquelas persoas que non resulten seleccionadas recibirán un correo electrónico coa notificación e, de maneira automática, o club procederá ao reembolso íntegro do importe da pre-reserva polo mesmo método de pagamento utilizado durante a inscrición.
Confirmación e entrega das entradas
Os seguidores que completen o proceso de compra recibirán un correo electrónico de confirmación. A partir dese momento, non se permitirán cambios nin devolucións. É importante lembrar que o xustificante de pagamento non é válido como entrada. Unha vez finalizado o proceso de venda, notificarase por correo electrónico o prazo de recollida das entradas, que será de maneira presencial na Área Celtista.
A preinscrición para as entradas está dispoñible no Portal do Celtista desde hoxe mesmo ata o mércores 4 de novembro ás 16:00h. Lembramos que estas son nominativas e será necesario presentar o DNI xunto coa entrada no acceso ao estadio.