
A familia celtista segue crecendo. Chantada viviu este martes 31 de marzo un día especial coa inauguración de Celta Sacra, unha nova peña que nace con preto de 70 socios e co obxectivo de seguir impulsando o sentimento celeste no corazón de Galicia.
O auditorio municipal de Chantada acolleu o acto pola tarde, nun evento que contou cunha salientable representación celeste. Estiveron presentes Ferran Jutglà como xogador do Celta, Celia Fontecha en representación de As Celtas e Hugo González como xogador do Celta Fortuna. Tamén acudiron Vlado Gudelj e Sergio Álvarez por parte do club, xunto a Merchi Llanos, da área Celtista, e Pepe Méndez, presidente de peñas.
A inauguración arrincou ao ritmo de Oliveira dos Cen Anos e, tras as intervencións dos participantes, o acto concluíu cun sorteo de balóns, camisetas, bufandas e outros produtos doados por empresas colaboradoras, alén dunha firma de autógrafos por parte dos futbolistas.
Este encontro reforza o compromiso do Celta coa súa afección e demostra, unha vez máis, a proximidade do club con quen vive con intensidade este lazo invisible que nos une.
