
Abanca Balaídos prepárase para unha noite de Afouteza, corazón e fe. Este xoves, na previa do Celta – SC Friburgo, o estadio vibrará cunha actuación única de Abraham Cupeiro, que fará soar o seu carnix sobre o céspede para espertar o espírito guerreiro dun equipo celeste que o dará todo por seguir soñando en Europa.
O son ancestral deste instrumento, empregado na batalla polos nosos antepasados celtas, será o impulso que acompañe aos xogadores na súa loita pola remontada. Unha chamada a crer, a animar e a empuxar xuntos. Porque en noites así, todo é posible. Porque este equipo non se rende.
Por iso, recoméndase a todos os afeccionados entrar con antelación a Abanca Balaídos para non perder este momento tan especial que marcará o inicio dunha xornada que seguro será inesquecible.