Fredi Álvarez analizou en rolda de prensa a vitoria do Celta Fortuna ante o CP Cacereño en Abanca Balaídos, un triunfo co que o filial celeste afianza a súa candidatura ao play-off de ascenso a Segunda División.
O míster quixo salientar o rendemento dun grupo en constante cambio: “temos que valorar moito o que está logrando este ano o Celta Fortuna sendo un equipo totalmente novo e cun ratio de minutos de xogadores en idade xuvenil altísimo“. O técnico celeste destaca o valor do traballo que realizou tanto todo o plantel celeste como o staff para estar loitando por cousas tan bonitas a estas alturas da tempada.
Tamén foi protagonista Coke Carrillo, quen destaca que “os resultados trouxéronnos ata aquí e agora imos soñar por algo máis bonito”. Pero antes, o gardameta celeste volverá por un día á que foi a súa casa para disputar o derbi ante o Pontevedra CF do vindeiro sábado: “estará toda a miña familia e amigos, polo que seguro será un partido bonito”.
E por último, Jan Oliveras salientou a ambición do vestiario a estas alturas da tempada: “o equipo ten moito nivel e moita ilusión por todo o que podemos conseguir”.