
O Celta Fortuna igualou o derbi ante o Pontevedra CF grazas a un golazo de Óscar Marcos no último suspiro da primeira metade e mantense firme na segunda praza do Grupo I a falta de catro xornadas para o final. Nun Pasarón cheo, con máis dun centenar de afeccionados celestes apoiando o equipo, os de Fredi Álvarez souberon competir e reaccionar para sumar un punto de gran valor nun dos campos máis complicados da categoría.
Os locais arrincaron mellor, con presión alta e intensidade, ante un filial celeste ao que lle custou asentarse, pero que co paso dos minutos foi collendo o seu sitio, rompendo liñas e gañando metros ata converter o encontro nun constante ida e volta. Porén, tras un saque de esquina no minuto 29, o Pontevedra púxose por diante grazas a un atento Facu Ballardo, que aproveitou o rexeite de Coke Carrillo para marcar. A xogada foi revisada polo FVS, pero o colexiado Ruiz Álvarez acabou dando por válido o gol.
Lonxe de virse abaixo, o Fortuna apertou os dentes e respondeu como sabe. O premio ao empuxe celeste chegou na última acción do primeiro tempo, cando Somuah serviu un pase medido a Óscar Marcos, que axustou o balón ao pau longo de Marqueta para firmar o empate. Táboas ao descanso e partido novo.
Tras o paso por vestiarios, o encontro mantivo a igualdade. Os de Fredi tomaron a iniciativa en campo rival, xeraron algunha ocasión e obrigaron a traballar ao porteiro local, mentres o Pontevedra agardou a súa oportunidade á contra. Ningún dos dous conseguiu romper o equilibrio e o 1-1 mantívose ata o asubío final.
Un empate de mérito que mantén o Celta Fortuna firme na segunda praza do Grupo I e consolida a súa candidatura ao play-off de ascenso a Segunda División. A seguinte cita será en Abanca Balaídos, onde o filial recibirá o Osasuna Promesas.
FICHA TÉCNICA:
1 – Pontevedra CF: Marqueta; Vidorreta, Miki Bosch, Montoro, Miguel Cuesta (Álex González, min. 82); Facu Ballardo (R. López, min. 61), Yelko Pino, Alberto Gil (Eimil, min. 46); Alain Ribeiro (Resende, min. 69), Diego Gómez e Álex Compa.
1 – Celta Fortuna: Coke Carrillo; Anxo Rodríguez (Ángel Arcos, min. 60), Pablo Meixús, Quique Ribes; Pablo Gavián, Hugo Burcio, Dela (Capdevila, min. 60), Jan Oliveras (Milla, min. 46); Bernard Somuah (Kibet, min. 76), Óscar Marcos e Álvaro Marín (Jorge Lafuente, min. 81).
Goles: 1-0, min. 30: Facu Ballardo. 1-1, min. 45+2: Óscar Marcos.
Árbitro: Ruiz Álvarez (comité asturiano). Mostrou cartón amarelo a Anxo Rodríguez (min. 19) e Óscar Marcos (min. 67) por parte do Celta Fortuna e a Diego Gómez (min. 72) por parte do Pontevedra.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 34 de Primera Federación disputado no Estadio Municipal de Pasarón.