
ABANCA Balaídos rexistrará un cheo absoluto este sábado para o encontro fronte ao Sevilla FC. A afección celeste volveu responder de maneira espectacular e xa non quedan entradas dispoñibles para a última xornada da LaLiga, unha cita moi especial na que todo o celtismo poderá celebrar xunto ao equipo o regreso do club á competición europea.
Precisamente pola enorme demanda existente para este partido, desde o club queremos lembrar a importancia do sistema de cesión de abonos para todos aqueles abonados que finalmente non poidan acudir ao encontro. Ceder o teu asento permitirá que outro celtista poida vivir desde a bancada unha noite que se prevé inesquecible en ABANCA Balaídos.
O sistema de cesión de abonos permanece dispoñible e activo a través das canles habituais do club, ata 4 horas antes do partido, facilitando que calquera localidade que quede libre poida poñerse de novo á disposición doutros afeccionados.
Así mesmo, todos aqueles seareiros que aínda queiran intentar conseguir unha entrada poden deixar rexistrado o seu correo electrónico e indicar a zona do estadio na que desexan atopar localidade. En canto quede libre algún asento nesa zona, recibirán automaticamente un aviso por correo electrónico para poder acceder á compra.
O Celta incorporou unha nova funcionalidade pioneira en España que avisará cando quede dispoñible un asento liberado mediante cesión de abono, facilitando a súa compra inmediata e mellorando a ocupación de ABANCA Balaídos grazas a unha xestión máis eficiente e intelixente do aforo. Só deberá acceder ao proceso de compra do partido e na esquina inferior esquerda na pantalla do ordenador, e na esquina superior dereita na pantalla do móbil, aparecerá un pop-up para facilitar a súa información de contacto.
A última xornada ligueira será unha auténtica festa do celtismo e entre todos podemos conseguir que ABANCA Balaídos presente o mellor ambiente posible para acompañar ao equipo e celebrar unha nova clasificación europea.