celta_asotrame
O Club

O Celta únese a Asotrame para fomentar a doazón de medula ósea en Galicia

RC Celta

O Celta reafirma o seu compromiso social sumándose a unha iniciativa de sensibilización xunto con Asotrame (Asociación Galega de Persoas Transplantadas de Medula Ósea) para promover a doazón de medula ósea en Galicia, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional do Cancro de Sangue.

A través das súas canles oficiais, o club comparte unha peza audiovisual destinada a achegar de forma clara e directa información básica sobre a doazón de medula ósea, un xesto anónimo, altruísta e solidario que pode resultar decisivo para pacientes con cancros hematolóxicos que precisan un transplante para seguir adiante.

A campaña lembra ademais que calquera persoa de entre 18 e 40 anos con boa saúde pode converterse en doante e ofrecer unha nova oportunidade a pacientes diagnosticados de enfermidades como leucemia ou linfoma que non contan cun familiar compatible.

A iniciativa conta tamén coa participación de dous dos nosos canteiráns do primeiro equipo. Pablo Durán, actualmente en proceso de recuperación tras unha intervención cirúrxica no ombreiro esquerdo, e Yoel Lago súmanse a esta acción solidaria prestando a súa imaxe e a súa voz para trasladar unha mensaxe de apoio e concienciación, poñendo o foco na importancia da doazón e na sinxeleza e seguridade do proceso.

A campaña busca especialmente conectar co público novo, con especial atención á poboación masculina. Actualmente, o 64 % das persoas inscritas no Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea (REDMO) son mulleres; porén, os perfís máis demandados para a doazón son homes novos, debido á maior efectividade que poden achegar ao transplante.

Con esta colaboración, o Celta continúa impulsando iniciativas de impacto social e apoio a entidades comprometidas coa mellora da calidade de vida das persoas e das súas familias. A acción desenvolvida xunto con Asotrame terá continuidade proximamente cunha nova peza audiovisual destinada a seguir fomentando a doazón de medula ósea en Galicia, onde actualmente existen máis de 16.000 persoas rexistradas como doantes.

RC Celta

Etiquetas

O Club

Noticias recomendadas