RRSS-1920x1080-01
Celtismo

“Agora e sempre”: O Celta abre a campaña de renovación para unha tempada que quedará para sempre

RC Celta

Hai tempadas que se desfrutan. Outras que se celebran. E logo están aquelas que terminan formando parte de quen son.

A pasada tempada deixounos noites que quedarán para sempre na memoria do celtismo. Volvemos sentir Europa máis cerca que nunca, vimos Abanca Balaídos latexar ao unísono e comprobamos, unha vez máis, que non existe maior forza que a dunha afección camiñando xunto ao seu equipo.

Durante anos soñamos con volver vivir noites como aquelas. Noites de Europa. De emoción compartida. Dun Balaídos cheo ata a bandeira. Noites de orgullo.

Hoxe ese soño volve ser unha realidade.

Con ese sentimento arrinca a campaña de abonados 2026/27. Unha tempada que nace baixo o lema “Agora e sempre“, tres palabras que resumen unha forma de entender o Celta e que serven para render homenaxe a quen mellor representou durante todos estes anos o orgullo de pertencer a este club: Iago Aspas.

Porque “Agora e sempre” non é unha despedida nin unha promesa. É unha forma de dicir grazas. E tamén unha invitación para seguir escribindo xuntos todo o que está por vir.

 

Calendario da campaña

O período de renovación estará aberto do 11 ao 19 de xuño a través do Portal do Celtista.

Durante estas datas, os abonados poderán renovar o seu carné, elixir modalidade de pago, actualizar os seus datos privados e solicitar cambios de asento ou de bancada.

Os cambios de localidade xestionaranse posteriormente, os días 23, 25 e 26 de xuño, respectando o criterio de antigüidade individual ou grupal.

As novas altas dispoñibles derivadas de baixas producidas durante a campaña poderán tramitarse entre o 1 e o 3 de xullo.

 

Prezos para a tempada 2026/27

Os prezos dos abonos experimentan unha actualización aproximada do 3%, mantendo a estrutura e os descontos por categorías implantados en tempadas anteriores.

 

Volven as noites europeas a Abanca Balaídos

A tempada 2026/27 supoñerá ademais o regreso das competicións europeas a Balaídos.

O suplemento de Europa League incluirá os encontros da fase de grupos e todas as eliminatorias que o Celta dispute como local. Os abonados que xa o tivesen contratado a pasada tempada e manteñan a domiciliación bancaria verán renovado automaticamente este suplemento, mentres que quen desexe activalo, modificalo ou abonalo mediante tarxeta poderán facelo a través do Portal do Celtista.

O pago do suplemento realizarase entre o 3 e o 10 de agosto.

 

O Carné Celtista mantén todas as súas vantaxes

O Carné Celtista continuará sendo o vínculo que une ao club con miles de afeccionados dentro e fóra de Abanca Balaídos. Unha forma de seguir formando parte do día a día do Celta, conservar a antigüidade e manter o acceso a vantaxes exclusivas, mesmo sen dispoñer dunha localidade no estadio.

Alén de descontos e beneficios exclusivos, todas as súas modalidades permiten acceder á lista de espera para futuros abonos, reforzando unha comunidade que segue crecendo tempada tras tempada ao redor dun sentimento compartido.

Un paso máis cara ao regreso a Gol

A tempada 2026/27 será tamén especialmente emocionante para os abonados da bancada de Gol.

A medida que avance a construción da nova bancada, os socios serán recolocados progresivamente e poderán comezar a recuperar o seu lugar nun dos espazos máis emblemáticos de Abanca Balaídos.

O nova Gol contará con zonas diferenciadas para distintos perfís de afección, incluíndo un espazo familiar, libre de fumes e adaptado, pensado para ofrecer unha experiencia máis cómoda, accesible e inclusiva.

Cando chegue o momento de cada recolocación definitiva, o club contactará individualmente cos abonados afectados para acompañalos durante todo o proceso.

 

Unha tempada para seguir facendo historia xuntos

O regreso a Europa, a futura reapertura de Gol e a homenaxe permanente a unha figura que representa como poucas o sentimento celtista converten a tempada 2026/27 nunha das máis especiais dos últimos anos.

Por iso, o Celta invita a toda a súa afección a seguir formando parte deste camiño. Porque as grandes historias non se escriben en solitario. Constrúense xuntos.

Agora e sempre.

Para máis información, DESCARGA AQUÍ o dossier completo da campaña de abonados 2026/27 do Celta.

RC Celta

Etiquetas

Celtismo Novas club Novas destacadas

Noticias recomendadas