Declaracións de Fredi Álvarez e Coke Carrillo tras o empate do Celta Fortuna ante a SD Ponferradina no partido de ida da final do play-off de ascenso a Segunda División. Un encontro de máxima esixencia ante “o mellor equipo da segunda volta, o mellor equipo de longo”, en palabras do técnico celeste, que destacou a madurez dos seus futbolistas para competir nun escenario deste nivel e sacar un resultado positivo de El Toralín.
Por primeira vez na súa historia, o Celta Fortuna alcanza a final e todo decidirase en Abanca Balaídos. “A chave vai ser encher Balaídos. Esa será a chave do partido“, sinalou Fredi Álvarez, que quixo agradecer o apoio recibido pola afección durante toda a tempada e apelou ao celtismo para converter o estadio celeste nunha auténtica caldeira o vindeiro sábado.
O adestrador destacou ademais o crecemento dun equipo repleto de talento novo que xa superou todas as expectativas, “ninguén contaba co Celta Fortuna este ano e este equipo xa gañou”. Un grupo que foi capaz de xerar unha ilusión especial entre a afección e que afrontará o partido definitivo sen presión, coa ambición de seguir facendo historia.
Non te perdas as palabras completas do míster xunto ás de Coke Carrillo tras o encontro.