fortuna
Celta Fortuna

O Celta Fortuna comeza a construír a súa estrea en Segunda ante o Sporting

RC Celta

O Celta Fortuna botou a andar na Cidade Deportiva Afouteza no primeiro test da pretemporada 26/27 coa mente posta na súa estrea en LaLiga Hypermotion. O amigable ante o Sporting de Gijón saldouse con derrota (0-2), pero o resultado quedou nun segundo plano dentro dun partido marcado polas numerosas ausencias e polo protagonismo dunha ampla representación de futbolistas xuvenís.

Co equipo en plena formación, o conxunto de Fredi Álvarez deixou boas sensacións en distintos tramos ante un rival histórico da categoría, aínda que tamén comprobou que en Segunda os erros páganse caro. O Sporting de Gijón aproveitou dous desaxustes para marcar a diferenza nun encontro no que talvez faltou contundencia na área rival. Sen dúbida, as malas noticias chegaron coas lesións de Kibet e Jan Oliveras que tiveron que abandonar o terreo de xogo.

Máis aló do marcador, o primeiro amigable da pretemporada serviu para poñer en valor unha dos grandes acenos de identidade do proxecto, o talento Feito na Madroa. Moitos xogadores en idade xuvenil tiveron a oportunidade de dar un paso adiante e enfrontarse a un contexto de fútbol profesional, nunha experiencia que forma parte do crecemento dunha canteira chamada a ter un papel moi importante nunha tempada histórica.

O camiño tan só acaba de empezar. Queda moito traballo por facer, moito por axustar, por aprender e aínda pezas por incorporar, pero o Celta Fortuna xa deu o primeiro paso cara a un curso que será moi especial para todo o celtismo.

RC Celta

Etiquetas

Celta b Celta Fortuna

Noticias recomendadas