
92 días despois, o templo celeste volve abrir as súas portas. O vindeiro 16 de agosto comeza unha nova tempada, unha nova ilusión. E non hai mellor maneira de darlle a benvida que xuntos, na casa.
Xa están á venda as entradas para o primeiro partido de LaLiga EA Sports 26/27, no que o Celta recibirá ao CA Osasuna ás 21:30h en Abanca Balaídos.
Desde hoxe, ás 17:00h, os posuidores do Carné Celtista poderán adquirir as súas localidades desde 15 euros. Unha vez transcorridas as primeiras 24 horas, as entradas poranse á venda para o público xeral desde 20 euros.
Ademais, tras o avance das obras realizadas na Grada de Gol e o aumento de localidades, o club quere ter un detalle cos abonados desta bancada. Antes de abrir a venda xeral, terán a oportunidade de regresar á súa localización habitual e estrear este espazo no primeiro partido da tempada.
Vir a Abanca Balaídos é moito máis que ver un partido de fútbol. É cantar “Oliveira dos Cen Anos” xunto a toda a afección, sentir o alento da bancada, vivir o quecemento a pé de campo, descubrir os recunchos do estadio ou gozar de experiencias únicas como ser abandeirado do encontro ou lanzar penaltis sobre o céspede ao remate do partido. Consulta AQUÍ todas as experiencias dispoñibles e comeza o curso vivindo o Celta como nunca.
Agardámosvos na casa para dar xuntos o primeiro paso desta ilusionante campaña 26/27!