Abanca Balaídos acolleu este luns a presentación oficial de Couhaib Driouech como xogador do Celta. O dianteiro compareceu por primeira vez ante os medios de comunicación acompañado por Sergio Álvarez e Marco Garcés, que se mostraron moi contentos pola súa incorporación.
Ilusionado ante este novo reto, Couhaib quixo despexar calquera dúbida sobre o seu estado físico e asegurou que xa está “en plenitude de condicións”. “Síntome ben, estou en forma, estou dispoñible e estou preparado para xogar”,sinalou.
Sobre a súa adaptación, Driouech destacou todo o que atopou desde a súa chegada a Vigo. “Encántame o estadio e as instalacións”, apuntou, e describiu o ambiente do grupo. “O vestiario é unha familia, hai auténticos xogadorazos e é un pracer xogar con eles”. O dianteiro agradeceu ademais a acollida dos seus novos compañeiros, que o están axudando a asentarse.
Co foco posto no traballo e no día a día, o atacante marcou o obxectivo de seguir medrando de celeste. “Teño 24 anos e aínda me queda por mellorar”, recoñeceu, coa intención de gañar “máis regularidade e consistencia” no seu xogo.
Preguntado polo encontro do domingo ante o Athletic Club, Couhaib valorou a esixencia do rival e mirou cara adiante. “Hai que aproveitar as boas sensacións e levalas aos próximos partidos”, concluíu.
Dálle ao play e non perdas a primeira rolda de prensa de Couhaib Driouech como celeste.