
A compañía láctea galega Río de Galicia continuará unha tempada máis como Provedora Oficial do Celta, reforzando a súa aposta polo deporte e a nutrición a través da súa gama Optimilk. Ambas as entidades acordaron prolongar por un ano máis o seu acordo de colaboración, dando continuidade a unha relación que une dous referentes galegos cunha forte vinculación co territorio. Ademais, o vínculo tamén se estende un ano máis ao fútbol feminino, mantendo o seu apoio á estrutura de As Celtas.
A renovación permitirá a Río de Galicia manter a súa presenza como Provedora Oficial do Celta, con visibilidade en diferentes soportes e activos do club. Nesta nova etapa, Optimilk adquire un especial protagonismo, poñendo en valor unha gama de produtos elaborados a partir de leite ultrafiltrado 100% galego. A gama inclúe o leite Optimilk e diferentes propostas de batidos, como Optimilk PRO, cun alto contido en proteína, e Optimilk GO, unha bebida de leite e avea pensada para adaptarse a distintos momentos do día. Con esta gama, Grupo Lence reforza a súa aposta pola innovación e por desenvolver novas formas de gozar dos lácteos, mantendo como base a orixe galega do leite. Para o Celta, a continuidade de Río de Galicia supón seguir contando co respaldo dunha compañía profundamente vinculada ao tecido económico e produtivo galego. Para Grupo Lence, manter a súa relación co club representa unha nova oportunidade para achegar as súas marcas á afección celeste e seguir impulsando unha forma de entender a alimentación baseada na calidade, a innovación e a orixe.
A alianza encara así unha nova tempada co obxectivo de seguir medrando e evolucionando, con Optimilk como expresión dunha nova xeración de produtos lácteos e como punto de encontro entre nutrición, actividade e estilo de vida saudable.
Marián Mouriño, presidenta do Celta, puxo en valor este acordo como “unha oportunidade para seguir potenciando a nosa comunidade con marcas galegas como Leche Río. Fortalecer os vínculos con empresas e proxectos que, como o Celta, levan o nome de Galicia con orgullo dentro e fóra das nosas fronteiras é moi importante para nós”. Pola súa banda, Carmen Lence, presidenta de Grupo Lence, sinalou que “estamos moi contentos de seguir un ano máis xunto ao Celta. Para unha empresa como a nosa, con máis de 50 anos de historia e profundamente vinculada a Galicia, é moi importante estar ao lado de proxectos que representan a nosa terra. O deporte, ademais, ten unha capacidade enorme para transmitir valores e xerar referentes, e por iso para nós é especialmente importante manter o noso apoio a As Celtas. Necesitamos que cada vez haxa máis mulleres visibles no deporte e en postos de responsabilidade, para que as nenas teñan referentes e saiban que tamén poden chegar aí. Esta alianza é tamén unha oportunidade para seguir poñendo en valor Optimilk, unha gama na que estamos a apostar pola innovación para ofrecer novas formas de gozar dos lácteos e responder ás necesidades dos consumidores de hoxe. Estamos orgullosos de que Leche Río e Optimilk sigan formando parte da familia celeste e de compartir co Celta o noso compromiso con Galicia”.