20250928_Elche_Partido_Afición-4
Celtismo

Volve o Celta tras o parón: entradas xa á venda para o Martínez Valero

RC Celta

Xa está dispoñible a pre-reserva de entradas para o vindeiro partido tras o parón de seleccións, que nos levará ata o Estadio Martínez Valero para enfrontarnos ao Elche CF o vindeiro 11 de outubro ás 14:00h. As entradas terán un prezo xeral de 30€.

A continuación, explicamos polo miúdo como realizar o proceso e cales son os pasos que hai que seguir desde o Portal do Celtista:

1. Pre-reserva e adxudicación

Para optar a unha entrada é necesario realizar unha inscrición no Portal do Celtista e efectuar un pagamento de pre-reserva (5 euros), co obxectivo de que as solicitudes sexan en firme. Este importe será devolto no caso de non resultar seleccionado/a.

Este pagamento non garante automaticamente a entrada, senón que permite participar no proceso de adxudicación, que se rexe polos seguintes criterios:

  • 75% das entradas adxudícanse segundo a antigüidade: tense en conta a media de antigüidade no caso dos grupos e a antigüidade individual nas solicitudes persoais.
  • 25% das entradas adxudícanse mediante un sorteo entre os restantes solicitantes.

Unha vez finalizado o proceso de adxudicación, todos os inscritos recibirán un correo electrónico informando do resultado da súa solicitude.

2. Pagamento final para os seleccionados

Os celtistas que resulten seleccionados recibirán un correo de confirmación o martes 29 de setembro coas instrucións para completar a compra, aboando a diferenza respecto da pre-reserva realizada.

Para formalizar a compra, deberán seguir estes pasos:

  1. Acceder ao Portal do Celtista e dirixirse ao apartado «Entradas Visitante».
  2. Completar o pagamento nun prazo máximo de 24 horas desde a recepción do correo.
  3. Recibirán a confirmación da compra e a información sobre a entrega da entrada.

Importante: Se o pagamento non se realiza dentro do prazo indicado, perderase o dereito á compra da entrada e o importe da pre-reserva non será reembolsado.

3. Devolución para os non seleccionados

Aqueles afeccionados que non resulten seleccionados recibirán un correo coa notificación e, de forma automática, o club procederá ao reembolso íntegro do importe da pre-reserva a través do mesmo método de pagamento utilizado durante a inscrición.

4. Confirmación e entrega das entradas

Os seguidores que completen o proceso de compra recibirán un correo de confirmación. É importante lembrar que o comprobante de pagamento non é válido como entrada.

Neste caso, as entradas serán dixitais. En caso de producirse calquera cambio, o club porase en contacto a través do correo electrónico.

Unha vez realizada a compra, non se permiten cambios nin devolucións.

A preinscrición para as entradas está dispoñible no Portal do Celtista desde hoxe mesmo ata o martes 29 de setembro ás 16:00h. Lembramos que estas son nominativas e será necesario presentar o DNI xunto coa entrada no acceso ao estadio.

Vémonos no Martínez Valero, celtistas!

RC Celta

Etiquetas

Celtismo

Noticias recomendadas