20241203_CopaDelRey_SalamancaVsCelta_CampoSalamanca-5
Celtismo

Reembolso e novas entradas para o Salamanca CF UDS – Celta do 13 de novembro

RC Celta

Tras o aprazamento do inicio da primeira rolda da Copa do Rei debido ao tráxico suceso ocorrido en Urda, o Celta volve trasladar as súas condolencias e todo o seu apoio aos familiares e achegados das vítimas e inicia un novo proceso de venda de entradas.

O encontro, previsto inicialmente para a noite de onte, mércores, no Helmántico, disputarase finalmente o venres 13 de novembro ás 21:00 horas, coincidindo co parón de seleccións.

Este cambio de data implica que as entradas adquiridas para o partido aprazado xa non serán válidas, polo que será necesario realizar unha nova compra. Todos os celtistas que xa tiñan a súa localidade recibiron un correo electrónico coa información correspondente e o reembolso íntegro do importe aboado.

Aqueles que desexen desprazarse de novo a Salamanca o vindeiro día 13 para acompañar o equipo no seu primeiro partido de Copa da tempada deberán realizar unha nova prerreserva de entradas, dispoñibles a un prezo de 35 euros.

O prazo para completar o proceso ábrese hoxe, xoves 29 de outubro, ás 18:30 horas, e permanecerá dispoñible ata o luns 2 de novembro ás 10:00 horas.

A continuación, detállanse de novo os pasos que se deben seguir para solicitar as entradas a través do Portal do Celtista.

1. Prerreserva e adxudicación

Para optar a unha entrada na bancada visitante (35 euros), é necesario realizar unha inscrición no Portal do Celtista, de maneira individual ou en grupo (dun máximo de 6 celtistas), e aboar un importe de prerreserva de 5 euros, co obxectivo de que as solicitudes sexan en firme. Este importe devolverase no caso de non resultar seleccionado/a.

Este pagamento non garante automaticamente a entrada, senón que permite participar no proceso de adxudicación, que se rexe polos seguintes criterios:

  • 75 % das entradas asígnanse segundo a antigüidade: nos grupos tense en conta a media de antigüidade dos seus integrantes, mentres que nas solicitudes individuais se considera a antigüidade de cada persoa.
  • 25 % das entradas adxudícanse mediante un sorteo entre as persoas solicitantes restantes.

Unha vez rematado o proceso de adxudicación, todas as persoas inscritas reciben un correo electrónico no que se lles comunica o resultado da súa solicitude.

2. Pagamento final para as persoas seleccionadas

Os celtistas que resulten seleccionados recibirán un correo electrónico de confirmación coas instrucións para completar a compra, aboando a diferenza respecto do importe da prerreserva realizada.

Para formalizar a compra, deberán seguir estes pasos:

  • Acceder ao Portal do Celtista e dirixirse ao apartado «Entradas Visitante».
  • Completar o pagamento nun prazo máximo de 48 horas desde a recepción do correo electrónico.
  • Recibirán a confirmación da compra e a información sobre a entrega da entrada.

⚠ Importante: Se o pagamento non se realiza dentro do prazo indicado, perderase o dereito a mercar a entrada e o importe da prerreserva non será reembolsado.

3. Devolución para as persoas non seleccionadas

Aquelas persoas que non resulten seleccionadas recibirán un correo electrónico coa notificación e o club procederá automaticamente ao reembolso íntegro do importe da prerreserva, a través do mesmo método de pagamento utilizado durante a inscrición.

4. Confirmación e entrega das entradas

As persoas que completen o proceso de compra recibirán un correo electrónico de confirmación. Cómpre lembrar que o xustificante de pagamento non é válido como entrada.

Unha vez realizada a compra, non se permiten cambios nin devolucións.

Lembramos que esta preinscrición para as entradas está dispoñible no Portal do Celtista desde este mesmo momento ata o luns 2 de novembro ás 10:00 horas. Lembramos que as entradas son nominativas e será necesario presentar o DNI xunto coa entrada no acceso ao estadio.

Vémonos en Salamanca, celtistas!

RC Celta

Etiquetas

Celtismo

Noticias recomendadas