
O Celta trae o magosto á previa do encontro ante o Royale Union Saint-Gilloise, correspondente á cuarta xornada da fase de liga da UEFA Europa League, que se disputará este xoves 5 de novembro, ás 21:00h, en Abanca Balaídos.
Fiel ao seu compromiso coa defensa e promoción da cultura galega, o club achegará unha das celebracións máis arraigadas de Galicia á contorna do estadio, nunha xornada de encontro entre xeracións na que a tradición e o fútbol compartirán protagonismo.
A partir das 17:00h, os castañeiros ofrecerán castañas asadas a prezos populares, que se poderán degustar ata as 23:30h, unha vez rematado o encontro.
Ademais, desde as 18:30h e ata as 20:45h, o grupo de música tradicional Abóbriga percorrerá a contorna de Abanca Balaídos para amenizar a espera. E, como manda a tradición do magosto, nesa mesma franxa horaria nenos e maiores poderán pintar a cara con «cinza» (unha maquillaxe hipoalerxénica) e prepararse para loitar xunto ao equipo pola vitoria nunha nova noite europea. As portas do estadio abrirán ás 19:45h.
Unha festa arredor dunha cita continental para celebrar o que somos e amosar ao mundo os nosos costumes e a nosa forma de vivir.
Vémonos no magosto, celtistas!