O partido estivo aberto ata os últimos minutos, nos que os visitantes sentenciaron á contra
O partido naceu con intensidade e cunha boa ocasión para o Raio ao catro minutos. Bo pase de Trashorras cara a Leo e gran saída de Javi Varas, quen logrou desviar o remate do brasileiro.
O Celta respondeu pouco despois cun bo centro de Cabral ao que non chegou Park en boca de gol por centímetros. Os celestes apertaron nesa fase do partido, aínda no primeiros dez minutos de xogo. Varios saques de esquina con perigo, moitas aproximacións, pero sen premio.
Tívoo o Raio na súa seguinte chegada. Rexeite cara a Lass, centro e taconazo de Piti á rede. Os visitantes levaban moitos minutos encerrados na súa área e acertaron, pero tiveron fortuna na súa primeira saída.
Os vigueses trataron de reporse, pero acusaron o golpe nos seguintes minutos. Aos 22, gran xogada de Pranjic e cesión cara a Park, cuxo remate, franco, saíu desviado. Tres minutos despois, Orellana lanzou de lonxe moi preto da escuadra.
O Celta tentábao con forza e determinación ante un rival moi ben colocado, que esperaba a súa oportunidade cun xogo directo que lle creaba problemas á zaga local. Aos 35 minutos, boa xogada celeste, con remate final de Augusto que atrapou con seguridade Rubén.
Até o descanso, máis aproximacións sen éxito dun Celta tenso que buscaba o empate con afán, pero sen acerto, como cun cabezazo de Park ante Rubén que saíu alto.
Tras a continuación, Oubiña rematou alto un bo centro de Augusto. Boa ocasión para o capitán nun arranque de segunda metade con gran ritmo. Leo estrelou o coiro no pau tras unha mala cesión a Javi Varas. En cinco minutos ambos os equipos puideran marcar.
Aos 11 minutos, Jonny disparou por encima do traveseiro á saída dun córner. O Celta íase arriba en busca do empate. Rubén desviou despois de maneira maxistral un gran remate de Augusto. A falta dun cuaerto de hora, os vigueses ían arriba con todo, pero topábanse cunha verdadeira muralla.
E nunha contra, sentenciou o partido. Delibasic empuxou á rede un centro desde a esquerda. Faltaban menos de dez minutos para o final.
FICHA TÉCNICA
0-R.C.Celta: Javi Varas, Jonny, Cabral, Demidov (Jonathan Vila, min.46), Roberto Lago, Oubiña, Álex López, Augusto, Orellana, Pranjic (Krohn-Dehli, min.61) e Park (Mario Bermejo, min.54)
2-R.Vallecano: Rubén, Tito, Gálvez, J.Figueras, Casado, Javi Fuego, Trashorras, Lass (José Carlos, min.62), Chori Domínguez (Adriñan, min.85), Piti e Leo Batistao (Delibasic, min.79)
Goles: 0-1, min.13: Piti; 0-2, min.82; Delibasic
Árbitro: Pérez Montero, do comité andaluz. Amonestou a Álex López, Augusto, Mario Bermejo, Jonathan Vila, Orellana, Piti, Casado, Tito, Javi Fuego, Rubén
Campo: Balaídos, 19.437 espectadores
Foto: Diego Pérez