
O Celta atopou na segunda metade o camiño cara a unha vitoria que tivo que loitar ata o final. Ferran Jutglà e Javi Rodríguez puxeron o 2-0 ante o Deportivo Alavés en Abanca Balaídos, pero un gol de Hugo Novoa nos últimos compases apertou o marcador, axitou as augas e obrigou a Radu a soster a vantaxe con varias paradas decisivas para deixar os tres puntos en Vigo.
O encontro comezou con moita disputa e poucas ocasións. Ambos os equipos buscaron impoñer o seu ritmo, pero as defensas fixéronse fortes e o marcador non se moveu antes do descanso. Tras a reanudación, os cambios de Claudio Giráldez deron un novo impulso ao conxunto celeste, que atopou máis espazos para achegarse á área rival.
No minuto 53, Javi Rodríguez rompeu o equilibrio cunha gran condución e un pase preciso que Jutglà converteu no 1-0. O canteirán quixo máis e, no 71, ampliou a vantaxe cunha gran acción individual dentro da área para poñer o 2-0 e encamiñar o encontro.
Porén, o Alavés aínda non dixera a súa última palabra. Hugo Novoa recortou distancias no minuto 87 cun gran disparo á escuadra e engadiu emoción a un treito final no que Radu tivo que empregarse a fondo. O gardameta respondeu con dúas intervencións decisivas para manter a vantaxe e asegurar que os tres puntos quedasen na casa.
Co botín a bo recado, o Celta prolonga a súa boa dinámica na Liga e pon rumbo ao seu próximo desafío europeo. O xoves 22 de outubro, ás 21:00 h, os celestes visitarán Celtic Park coa intención de conquistar a súa primeira vitoria da tempada na UEFA Europa League.
FICHA TÉCNICA:
2 – Celta: Andrei Radu; Javi Rodríguez, Yoel Lago, Sebastián Cáceres (Marcos Alonso, min. 77); Sergio Carreira, Hugo Burcio (Andrés Antañón, min. 70), Ilaix Moriba (Aleix Febas, min. 46), Hugo Álvarez; Couhaib Driouech (Iago Aspas, min. 70), Ferran Jutglà e Williot Swedberg (Javi Rueda, min. 46).
1 – Deportivo Alavés: Antonio Sivera; Nahuel Tenaglia, Jonny Otto (Hugo Novoa, min. 62), Ville Koski, Valentini, Abderrahman Rebbach (Aitor Mañas, min. 88); Pablo Ibáñez, Antonio Blanco (Ander Guevara, min. 88), Carles Aleñá (Denis Suárez, min. 62); Toni Martínez (Mariano Díaz, min. 62) e Lucas Boyé.
Goles: 1-0, min. 53: Ferran Jutglà; 2-0, min. 71: Javi Rodríguez; 2-1, min. 87: Hugo Novoa.
Árbitro: José Luis Munuera Montero (Comité andaluz). Amoestou a Sebastián Cáceres (min. 15), por parte do Celta, e a Toni Martínez (min. 45), por parte do Deportivo Alavés.
Incidencias: Encontro correspondente á xornada 9 de LaLiga EA Sports, disputado en Abanca Balaídos ante 19.568 espectadores.