Os vigueses acusaron o calor e o desgaste, pero acabaron sen encaixar por primeira vez esta campaña
A intensa calor marcou un partido que empezou cun alto ritmo e foi decaendo até un final sen goles. O Celta suma un novo punto, esta vez sen encaixar, ante un gran rival.
Espectáculo desde o inicio. Dous equipos ofensivos, verticais e ambiciosos, que enseguida comezaron a encadear chegadas. Ao cinco minutos, primeiro remate celeste. Falta lateral que Toni lanzou directa e Asenjo desviou con apuros. Dous minutos despois, Augusto fixo varios recortes, centrou e Álex López rematou alto o rexeite da zaga.
Pouco despois, foi Yoel quen interveu con acerto. Despexou cos pés un remate próximo tras un bo pase ás costas da defensa celeste. O partido non daba tregua. Cun cuarto de hora cumprido, bo centro de Augusto ao que non chegaron por moi pouco Charles e Santi Mina.
O encontro, baixo unha intensa calor, tranquilizouse nos seguintes minutos e ao bordo da media hora de xogo, as aproximacións desvanecéronse. Até o descanso, pouco houbo.
Tras a continuación, o Celta saíu máis elevado, con maior presencia arriba. O Vilarreal, moi vertical, se repiso enseguida con boas xogadas á contra, sempre buscando os espazos ás costas da zaga céltica. Así xeraron perigo en varias ocasións, cun par de tantos anulados de maneira xusta por fóra de xogo.
Aos 14 minutos, Charles rematou alto unha deixada de Augusto nunha boa chegada céltica. O dianteiro disparou pouco despois excesivamente cruzado desde a frontal. Aos 20 minutos, Pereira tamén cruzou en exceso un saque de falta que pillou por sorpresa aos celestes.
No tramo final, o Celta acusou o desgaste, a calor, e o Vilarreal dominaba o choque. Yoel salvou un remate de socato de Pereira a falta de dez minutos. E pouco despois, outra. Os visitantes apertaban e o Celta sufría.
FICHA TÉCNICA
0-R.C.Celta: Yoel, Hugo Mallo, David Costas, Aurtenetxe, Toni, Álex López (Orellana min.75), Fontás, Rafinha, Augusto (Kronh-Dehli, min.62), Santi Mina (Nolito, min.57) e Charles
0-Villarreal CF: Asenjo, Mario, Musacchio, Trigueros (Pina, min.57), J.Costa, Bruno, Dorado, Aquino, Cani (Hernán Pérez, min.67), Jonathan Pereira e Dos Santos (Perbet, min.76)
Goles: 0-0
Árbitro: Prieto Montero, do comité andaluz. Amonestou a Álex López, Aurtenetxe, Costas, Rafinha, Hugo Mallo, Bruno
Campo: Balaídos, 21.130 espectadores. Antes do comezo do partido gardouse un minuto de silencio na memoria do ex xogador Telesforo Lorenzo, ‘Foro’,e do ex adestrador Ignacio Eizaguirre, recentemente falecidos
Foto: Diego Pérez