bolsa-hor
Celtismo

A Nosa Reconquista renace cunha iniciativa de consumo sostible

RC Celta

Nova vida para A Nosa Reconquista, aquela inesquecible comuñón entre celtismo e equipo que acabou nunha explosión de felicidade. Fai dous anos, en 2019, a afección envorcouse co club nesta campaña na que celtismo, equipo e cidade uníronse cunha forza irresistible cun obxectivo común: escapar dun descenso que parecía inevitable.

Ninguén esquecerá xamais a remontada contra o Villarreal, con aquel cero a dous no descanso que deixaba ao RC Celta moi lonxe da salvación. Aí xurdiron as bágoas de Iago, que percorreron a espina dorsal do celtismo. Aí naceron as primeiras imaxes, aquel recibimiento, aquela remontada, dun mar de sensacións que quedarán para sempre no recordo.

Coincidindo co segundo aniversario desta campaña, o club lanza unha edición limitada de bolsas confeccionadas coas lonas utilizadas na Nosa Reconquista, aqueles lenzos de esperanza que inundaron a cidade durante dous meses.

O club quere demostrar con esta acción que é posible dar unha segunda vida a todos eses soportes publicitarios que se utilizan en campañas moi acoutadas no tempo. Trátase dunha alternativa de consumo sostible, en colaboración con SINdesperdicio, empresa de economía circular e solidaria especializada na reutilización de materiais. É ademais unha iniciativa en favor da inclusión socio-laboral promovida por Emaús Fundación Social.

Haberá únicamente un total de 100 unidades deste trocito de historia do Celta, que se poden conseguir coa compra, só online, dunha equipación da presente tempada (bolsa de lona A Nosa Reconquista + bufanda Iago Aspas), ou da sudadeira celeste.

RC Celta

Etiquetas

Celtismo O Club

Noticias recomendadas