
O alumnado do CIFP Portovello de Ourense recibiu esta semana a visita de dous dos responsables da comunicación do club, Andrés Montenegro, como coordinador audiovisual, e André Taboada, como responsable de contidos dixitais, nun encontro que reuniu empresas de éxito que empregan o galego como lingua principal.
Os representantes do Celta compartiron co estudantado a importancia da identidade celeste e o papel da lingua galega dentro da comunicación e da cultura da entidade. Durante o encontro, Andrés Montenegro e André Taboada explicaron como o Celta traballa diariamente para transmitir os seus valores, o seu arraigamento e o seu vínculo con Galicia a través de todas as súas canles de comunicación. “Na súa orixe, o club nace coa intención de responder ás inquedanzas culturais de todos os galegos. Por iso, entre outras razóns, escóllese o nome «Celta», e non o de Real Vigo, por exemplo”, explicaba Montenegro.
A sesión puxo especial foco no uso natural e estratéxico do galego como elemento diferenciador e como parte esencial da personalidade do club. “Con isto, a aposta polo galego pasou de ser algo puntual a converterse nunha estratexia empresarial. E non só na comunicación, todas as áreas están a traballar baixo esas tres premisas”, comentou Taboada.
Os asistentes puideron coñecer de primeira man como o Celta integra a lingua galega en campañas, contidos audiovisuais, redes sociais e accións dirixidas á afección, reforzando así unha identidade propia conectada co territorio e coa cultura galega.
A iniciativa permitiu ademais abrir un espazo de diálogo co alumnado sobre comunicación, deporte e identidade cultural, destacando o papel que poden desempeñar as entidades deportivas como altofalantes da lingua e da cultura propias.