
O Celta pon fin ao seu camiño na UEFA Europa League tras caer nos cuartos de final ante o SC Friburgo. Péchase así unha aventura europea marcada pola ilusión, o compromiso inquebrantable de todo o equipo e, sobre todo, pola bonita comuñón cunha afección que sempre estivo ao seu lado.
Volver a Europa xa foi, en si mesmo, un gran logro. Un obxectivo construído durante a pasada tempada grazas ao esforzo dun grupo que nunca deixou de crer. Esta edición da Europa League permitiunos recoller os froitos dese traballo e reencontrarnos con esas noites que fan do fútbol algo especial. Abanca Balaídos volveu brillar como nunca, a cidade enteira envorcouse co equipo e o escudo do Celta percorreu cada recuncho do continente.
Hoxe termina esta travesía, pero queda o orgullo por un equipo cargado de talento Feito na Madroa que nos lembrou cada día, en cada partido, que os soños se constrúen traballando, crendo e sentíndoos con tanta forza que ninguén poida arrebatárnolos.Eles, xunto ao resto dos seus compañeiros que fixeron seus os valores celestes, representaron como se merece a este club, dérono todo sobre o céspede e nunca, nunca, estiveron sós.
Porque se alguén marcou esta aventura europea fostes vós. En cada cidade, en cada estadio, sempre houbo unha bandeira, unha bufanda, un corazón celeste ou miles… lembrándonos que detrás deste equipo hai unha gran familia. Acompañástesnos por toda Europa e fixestes sentir a todo o persoal o orgullo e a responsabilidade de representar o celtismo. Por todo iso, o Celta quere darvos as grazas, de corazón, porque cada desprazamento, cada xesto de apoio e cada alento foron parte fundamental deste camiño.
Hoxe péchase unha etapa, pero vivir non termina aquí. Todo o contrario. As bases seguen estando máis fortes que nunca, cun equipo novo, con talento e con raíces que seguirán crecendo na Madroa e que representan o presente e, sobre todo, o futuro deste club. Seguiremos mirando cara adiante orgullosos do construído e convencidos de que estes piares sosterán todo o que está por vir.
Porque as noites europeas volverán. E cando o fagan, volveremos vivilas xuntos.
Sempre, Celta!