20261022_Partido_CELTICvsCELTA_Aficion-81
Celtismo

O Celta abre o proceso de solicitude de entradas para o partido ante o Marsella

RC Celta

Xa está dispoñible no Portal Celtista a solicitude de entradas para o encontro correspondente á Xornada 5 da competición continental fronte ao Olympique de Marsella, que se disputará o vindeiro 10 de decembro ás 18:45 horasno Stade CEPAC Vélodrome.

Para esta ocasión, e seguindo os protocolos de seguridade establecidos, o club porá á disposición do celtismo un total de 800 localidades.

Como é habitual nos desprazamentos europeos, a adxudicación levarase a cabo a través do sistema da Área Celtista, combinando criterios de antigüidade e sorteo. A continuación, detallamos os pasos e os prazos que debes seguir para conseguir a túa:

1. Pre-reserva e adxudicación

A pre-reserva estará dispoñible desde hoxe, luns 23 de novembro, ás 18:00 horas, ata o xoves 26 de novembro ás 12:00 horas. Para optar a unha entrada na bancada visitante (15 euros), é necesario realizar unha inscrición no Portal Celtista, de maneira individual ou en grupo (dun máximo de 6 celtistas), e aboar un importe de pre-reserva (5 euros) co obxectivo de que as solicitudes sexan en firme. Este importe será devolto no caso de non resultar seleccionado/a.

Este pagamento non garante automaticamente a entrada, senón que permite participar no proceso de adxudicación, que se rexe polos seguintes criterios:

  • 75 % das entradas adxudícanse segundo a antigüidade: téñense en conta a media de antigüidade no caso dos grupos e a antigüidade individual nas solicitudes persoais.
  • 25 % das entradas adxudícanse mediante un sorteo entre os solicitantes restantes.

Unha vez finalizado o proceso de adxudicación, todas as persoas inscritas recibirán un correo electrónico coa información sobre o resultado da súa solicitude.

2. Pagamento final para as persoas seleccionadas

Os celtistas que resulten seleccionados recibirán un correo electrónico de confirmación coas instrucións para completar a compra, aboando a diferenza respecto da pre-reserva realizada.

Para formalizar a compra, deberán seguir estes pasos:

  1. Acceder ao Portal Celtista e dirixirse ao apartado «Entradas Visitante».
  2. Completar o pagamento nun prazo máximo de 48 horas desde a recepción do correo electrónico.
  3. Recibirán a confirmación da compra e a información sobre a entrega da entrada.

⚠ Importante: Se o pagamento non se realiza dentro do prazo indicado, perderase o dereito á compra da entrada e o importe da pre-reserva non será reembolsado.

3. Devolución para as persoas non seleccionadas

Aqueles afeccionados que non resulten seleccionados recibirán un correo electrónico coa notificación e, de maneira automática, o club procederá ao reembolso íntegro do importe da pre-reserva no mesmo método de pagamento utilizado durante a inscrición.

Entrega de entradas e acceso ao estadio

As entradas son persoais e intransferibles e só poden ser utilizadas pola persoa titular do carné celtista. Por este motivo, tanto o Celta durante o proceso de compra ou entrega das entradas (pendente de confirmar o formato das entradas e o método de entrega) como o persoal do Olympique no acceso ao estadio poderán solicitar a identificación ou calquera documento acreditativo que xustifique a viaxe da persoa titular da entrada.

No caso de que os datos da persoa asistente non coincidan cos facilitados durante a adquisición da entrada, a organización poderá denegar tanto a validez da localidade como o acceso ao recinto.

Información importante para os afeccionados que viaxen a Marsella

O Celta informa de que, tras as reunións de coordinación mantidas co Olympique de Marsella e coas autoridades francesas, se propuxo unha asignación de 800 entradas para a afección celeste, en lugar do 5 % do aforo habitual, tendo en conta a situación actual en Francia e a dispoñibilidade dos servizos de seguridade, co obxectivo de organizar da mellor maneira posible o dispositivo para o encontro.

Para facilitar a estadía e os desprazamentos dos nosos afeccionados, recoméndase aloxarse preferentemente nas zonas de Vieux-Port ou Place de la Joliette. Esta última será, en principio, o punto de encontro desde o que se organizará o traslado ao estadio en metro, con acompañamento policial.

Desde o Celta seguiremos traballando en coordinación co Olympique de Marsella para facilitar o desprazamento da nosa afección e compartir, a través das canles oficiais, todas as recomendacións e indicacións que poidan resultar de utilidade para gozar dunha nova cita europea.

Acompaña o Celta en Marsella e anima o equipo desde as bancadas do Vélodrome nunha nova cita europea!

RC Celta

Etiquetas

Celtismo

Noticias recomendadas