
O Celta dedicará o vindeiro domingo 18 de outubro, con motivo do partido ante o Deportivo Alavés (16:15 horas), unha xornada moi especial á Fundación Celta, protagonista dunha iniciativa que, baixo o lema ‘Un partido con corazón’, pretende poñer en valor o traballo que desenvolve e a súa capacidade para xerar un impacto positivo dentro e fóra do terreo de xogo.
Durante ese partido, ABANCA Balaídos converterase no escenario de recoñecemento a todas as persoas, asociacións e entidades que forman parte da actividade da Fundación Celta.
Un dos momentos máis especiais terá lugar antes do comezo do encontro, co saque de honra do Celta Integra Zelnova, recente campión de LaLiga Genuine, como recoñecemento a un proxecto que representa un dos grandes exemplos do compromiso social do club e que, desde hai máis dunha década, utiliza o fútbol como ferramenta de inclusión e transformación.
A dimensión social da xornada estará tamén presente desde os prolegómenos do partido. Os abandeirados e escort kids serán nenos e nenas pertencentes a diferentes asociacións e ao proxecto Celta Integra Zelnova, mentres que as bancadas de ABANCA Balaídos contarán coa presenza de representantes dalgunhas das asociacións e entidades coas que a Fundación Celta traballa ao longo do ano.
Ademais, os xogadores do primeiro equipo sairán a quentar cunha peza especialmente deseñada para a ocasión, que posteriormente será poxada co obxectivo de recadar fondos destinados á Fundación Celta.
A acción contará así mesmo cunha Fila 0, aberta a todas aquelas persoas que queiran realizar unha achega económica e contribuír directamente aos proxectos que desenvolve a Fundación.
Unha semana para poñer en valor o fútbol que transforma vidas
‘Un partido con corazón’ non se limitará ao día do encontro. Nas datas previas ao Celta-Alavés desenvolverase un programa de actividades que permitirá achegar o labor da Fundación Celta á cidadanía e visibilizar algúns dos seus principais proxectos.
Entre as iniciativas previstas destaca a presentación do primeiro palco sensorial de ABANCA Balaídos destinado a persoas con autismo, unha iniciativa desenvolvida en colaboración coa Federación Autismo Galicia, a Real Federación Galega de Fútbol e a Real Federación Española de Fútbol, que permitirá avanzar cara a un estadio máis accesible e inclusivo e facilitar a experiencia do partido a persoas con necesidades sensoriais específicas.
A cidade de Vigo tamén será protagonista desta celebración a través dunha exposición fotográfica na Rúa do Príncipe, que percorrerá, a través de imaxes, algunhas das principais accións desenvolvidas pola Fundación Celta e mostrará o impacto da súa actividade durante os últimos anos.
Tamén se organizarán diferentes actividades dirixidas a asociacións e entidades sociais, entre elas un tour especial polo museo do Celta, pensado para achegar a historia do club e a experiencia de ABANCA Balaídos aos colectivos cos que a Fundación mantén unha relación continuada.
Deste xeito, o club quere converter o encontro ante o Alavés en moito máis ca unha xornada de competición: un punto de encontro para recoñecer, visibilizar e celebrar o traballo de todas as persoas e entidades que fan posible o labor social da Fundación Celta.