DSC05567
Novas club

O Celta é o club de LALIGA que máis medra en fortaleza de marca

RC Celta

O Consello Xeral de Economistas de España e LALIGA celebraron este luns no Salón Rexio da Sede (Vigo) unha xornada de recoñecemento ao Celta para entregarlle ao club vigués o prestixioso selo de transparencia e excelencia en divulgación non financeira, un recoñecemento ao alcance de moi poucos clubs de fútbol. O encontro reuniu a Javier Tebas, presidente de LALIGA; Marián Mouriño, presidenta do Celta; e Miguel Vázquez Taín, presidente do Consello Xeral de Economistas de España, nunha mesa redonda precedida pola intervención da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana.

A xornada serviu tamén para poñer en valor a evolución da marca Celta, que no informe Brand Finance Football 50 2025 aparece como a marca de LALIGA que máis medra en fortaleza de marca. O seu índice BSI, indicador que mide a percepción, reputación e recoñecemento dunha marca en diferentes mercados, pasa de 51 a 57 puntos sobre 100, o que supón un crecemento do 12 % e sitúa o club como a sétima marca de fútbol que máis mellora a nivel mundial neste apartado.

Ademais, o Celta sitúase por primeira vez entre os dez clubs españois con maior valor de marca, cunha valoración de 54 millóns de euros. Este dato supón un crecemento anual do 26 %, o segundo maior incremento de LALIGA, só por detrás do Athletic Club, e representa aproximadamente 11 millóns de euros adicionais de valor de marca nun só ano.

Tamén se destacou a fortaleza patrimonial do club, que conta con 57 millóns de euros de patrimonio neto, así como os 191 millóns de euros de ingresos totais xerados e os 72 millóns de euros investidos durante os últimos cinco anos, cifras que evidencian a dimensión e o alcance do proxecto de transformación impulsado pola entidade.

«O crecemento en termos de marca do Celta reflicte unha transformación que vai máis alá dos resultados deportivos e que sitúa a entidade como un referente na xeración de valor económico, social e reputacional dentro do fútbol profesional», argumentan desde LALIGA.

«Este recoñecemento e os datos que hoxe se poñen sobre a mesa confirman que o crecemento do Celta é o resultado dunha visión a longo prazo baseada na transparencia, a sustentabilidade e unha xestión responsable. Entrar por primeira vez entre as dez marcas máis valiosas do fútbol español, cun dos maiores crecementos do sector, énchenos de orgullo, pero tamén nos reafirma no noso compromiso de seguir xerando valor para os nosos afeccionados, para Vigo e para toda a nosa contorna. Queremos que o Celta sexa cada vez máis forte dentro e fóra do campo, construíndo un legado sólido e sostible para as próximas xeracións», argumentou a presidenta do Celta, Marián Mouriño.

Neste contexto, púxose en valor o avance do Celta en materia de sustentabilidade. Segundo os indicadores presentados durante a xornada, o club supera amplamente a media sectorial en ámbitos como a lideranza directiva, as operacións e infraestruturas, a cadea de subministración, a mobilidade sostible ou a relación cos grupos de interese, consolidando un modelo de xestión cada vez máis integrado e aliñado cos estándares ESG.

O crecemento do club vigués pasa por Celta360

Os relatores coincidiron en que o crecemento do valor de marca do Celta responde a unha transformación máis profunda que transcende o ámbito deportivo. Neste sentido, destacouse o desenvolvemento de Celta360 e o investimento de 120 millóns de euros que o club vigués pretende levar a cabo para potenciar o proxecto. Celta360 concíbese como un ecosistema que integra deporte, educación, saúde, innovación, lecer e turismo, ampliando o impacto económico e social da entidade e xerando novas oportunidades de desenvolvemento para o territorio.

«Somos conscientes de que o crecemento do noso club pasa polo proxecto Celta360, un ecosistema que estamos a construír para que o patrimonio do club siga sendo un valor estratéxico e identitario. Celta360 representa a evolución do modelo tradicional do club cara a un espazo deportivo completo, capaz de xerar impacto competitivo, académico e empresarial», explicaba Marián Mouriño.

A xornada concluíu coa entrega oficial do xa mencionado selo de recoñecemento ao Celta polo seu compromiso coa transparencia e a divulgación de información non financeira, un recoñecemento que pon de manifesto a evolución da entidade cara a un modelo de xestión onde a sustentabilidade, a rendición de contas e a creación de valor a longo prazo se sitúan no centro da estratexia.

RC Celta

Etiquetas

Novas club O Club

Noticias recomendadas