20260607_PLAYOFF_CELTAFORTUNAvsEUROPA_Aficion, Equipo
Celtismo

Consegue a túa entrada para acompañar ao Fortuna na ida da final ante a Ponferradina

RC Celta

A conta atrás para a gran final xa comezou. O Celta Fortuna afronta o último paso no seu camiño cara ao ascenso a Segunda División e o celtismo xa pode asegurarse un lugar para acompañar ao equipo neste momento tan especial.

Xa están á venda as entradas para o partido de ida da final do playoff de ascenso, que enfrontará á SD Ponferradina e ao Celta Fortuna o vindeiro 13 de xuño, ás 18:30 horas, en El Toralín.

A eliminatoria decidirase a dobre partido, con ida e volta, aínda que polo momento xa se poden solicitar as localidades para o encontro que abrirá esta final histórica por un prezo de 25 euros.

Debido á proximidade da data do partido, o prazo de pre-reserva (5 euros) comeza hoxe, 9 de xuño, ás 13:30 horas, e rematará mañá, 10 de xuño, ás 12:00 horas. O sistema será o mesmo que nos desprazamentos do primeiro equipo: o 75 % das entradas asignarase por antigüidade entre os solicitantes e o 25 % restante mediante sorteo puro.

Os afeccionados que resulten agraciados recibirán mañá, 10 de xuño, unha comunicación por correo electrónico e disporán de 24 horas para completar o pagamento. Posteriormente recibirán as entradas en formato dixital.

Tras unha tempada brillante, o Celta Fortuna está a só dous partidos de alcanzar un soño. Agora, máis ca nunca, o apoio da afección será fundamental para seguir avanzando xuntos e tinguir de celeste esta gran final, polo que o club anima a todo o celtismo a non perder esta cita coa historia.

RC Celta

Etiquetas

Celtismo

Noticias recomendadas