
O Celta foi distinguido co Premio da Crítica de Galicia 2026 na categoría de Cultura Dixital, nun acto celebrado este sábado no Centro Social Afundación de Vigo. André Taboada, responsable de marketing do club, foi o encargado de recoller o galardón en representación da entidade, nun recoñecemento ao traballo desenvolvido polo Celta no ámbito dixital.
“O Celta sempre estivo comprometido con Galicia, pero nos últimos anos demos un paso máis, situando as nosas raíces no centro da nosa marca. Entendemos que Galicia non é só un apelido para o Celta, senón o seu nome propio. Reivindicar a nosa identidade non significa levantar barreiras, senón achegar ao mundo algo auténtico e celebrar a beleza de compartir as nosas diferenzas. Canto máis auténticos somos, máis capaces somos de conectar cos demais. Este premio é un refrendo á nosa visión e axúdanos a seguir avanzando neste camiño”, explicou Taboada no seu discurso tras recoller o premio.
Este recoñecemento pon en valor o labor realizado polo club nos últimos anos para evolucionar a súa comunicación dixital, reforzar a conexión coa súa afección e explorar novas formas de contar e compartir a identidade celeste. Un traballo continuado que combina creatividade, innovación e compromiso cos valores do Celta, co obxectivo de achegar o club á súa comunidade e conectar con novas audiencias a través de diferentes plataformas e formatos.
O club quere agradecer á Asociación Premios da Crítica de Galicia este recoñecemento, así como a todas as persoas que contribúen cada día ao desenvolvemento da súa comunicación e dos seus contidos dixitais. Este galardón supón un impulso para seguir avanzando nesta liña de traballo, mantendo o compromiso coa innovación e coa forma de transmitir e compartir o sentimento celeste.