foto-asede
O Club

O CGEE e LALIGA distinguen ao Celta co prestixioso selo de transparencia e excelencia en divulgación non financeira

RC Celta

O vindeiro luns 8 de xuño ás 17:00 horas, o Salón Regio de A Sede (Vigo) será o escenario dun encontro promovido por LALIGA e o Consello Xeral de Economistas de España (CGEE) para facer entrega ao Celta do selo de recoñecemento á transparencia e á divulgación non financeira, unha distinción que sitúa ao club vigués como unha das entidades deportivas de referencia a nivel estatal.

Baixo o título “O valor invisible do club: sustentabilidade, transparencia e futuro no Celta”, celebrarase unha xornada que incluirá unha mesa redonda na que participarán Javier Tebas, presidente de LALIGA; Marián Mouriño, presidenta do Celta; e Miguel Vázquez Taín, presidente do Consello Xeral de Economistas de España. O coloquio estará precedido pola intervención da conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana.

O acto contará tamén coa participación de David Baixauli, responsable de Sustentabilidade de LALIGA, quen abordará a integración da sustentabilidade na estratexia empresarial e deportiva dos clubs profesionais, así como os principais retos e oportunidades aos que se enfronta o sector neste ámbito.

Durante o encontro analizarase o valor de marca dos clubs españois na actualidade e poñeranse sobre a mesa cuestións relacionadas coa transparencia, a rendición de contas, a sustentabilidade corporativa, a xeración de confianza entre os grupos de interese e o impacto social das entidades deportivas, así como as tendencias que marcarán o futuro da xestión no fútbol profesional.

A lectura empresarial é clara: o Celta combina unha base patrimonial relevante cunha marca que comeza a ser recoñecida polo mercado. O club vigués está deixando de ser valorado unicamente polo que ten no balance ou pola súa clasificación deportiva. Comeza a ser valorado polo que representa, polo que proxecta e pola súa capacidade para converter a súa identidade nunha plataforma empresarial de futuro.

RC Celta

Etiquetas

O Club

Noticias recomendadas