20250308_PartidoAdri_RCCELTAvsLEGANES_Boteiros-21
Celtismo

O RC Celta pinta “A cor do entroido”: legado, identidade e alma de Galicia

RC Celta

O RC Celta e Celta Media presentan un novo documental: “A cor do Entroido”, unha peza audiovisual que nace froito da imperiosa necesidade de render homenaxe a unha das tradicións máis profundas e queridas de Galicia, o Entroido, tras a vibrante acollida que tivo no último sábado celeste celebrado en Abanca Balaídos.

Durante 20 minutos, o xogador ourensán, Hugo Álvarez, lévanos da man nun percorrido pola maxia do Entroido galego, convídanos a sentir a súa cor, a súa música e, sobre todo, a súa alma, desde dentro, dando un paso máis e chegando ata Viana do Bolo e Verín, dous dos lugares máis emblemáticos de Galicia durante estes días tan especiais. Alí, a ritmo de comparsa, entre máscaras, flocos e chocas, móstrase o Entroido no seu máximo esplendor, como unha liberación, un acto de conexión co máis profundo da nosa terra. Cigarróns, boteiros e fulións, indiscutibles protagonistas do vídeo, encarnan parte da historia, a identidade e o espírito galego e conságranse como símbolos vivos dunha tradición que se transmite de pais a fillos, exhibindo orgullosos un legado de unión e de raíces que vive na nosa cultura, no noso ADN. “A cor do Entroido” é un manifesto a sentir que todos somos parte desa historia, desa tradición que nos define.

“Galicia é Entroido, e o Celta forma parte da alma de Galicia”; unha paixón compartida que se entrelaza, transcendendo xeracións, e que nos lembra quen somos e de onde vimos.

Gozádeo, celtistas!

RC Celta

Etiquetas

Celtismo

Noticias recomendadas