A Asociación PVLSE Vigo LGTBIQ, ONG que traballa en defensa dos dereitos de todas as persoas LGTBIQ e da protección e difusión da historia e cultura do colectivo, e o Observatorio contra a LGTBIQfobia Julio e Al Dani da provincia de Pontevedra decidiron outorgar un recoñecemento ao RC Celta e a súa Fundación polo Día Internacional Contra a Homofobia no Deporte, que se conmemora cada 19 de febreiro.
“Queremos así recoñecer a súa implicación o ano pasado que ante a nosa petición non dubidaron en proxectar a bardeira LGTBIQ no marcador do Estadio de Abanca Balaídos e a posterior defensa en redes sociais da súa actuación”, sinalan as entidades que conceden a distinción.
Engaden que “así tamén queremos felicitar tanto ao Real Club Celta e á Fundación Celta o fomento do deporte na sociedade. O deporte mobiliza emocións e sentimentos, pero sobre todo pode influír nas actitudes e comportamentos das persoas, a través dos valores que transmite: esforzo, superación, perseveranza, igualdade, respecto, deportividade, solidariedade e compañerismo, éxito persoal e colectivo, entre outros moitos. Valores nos que o activismo LGTBIQ vese plenamente implicado”.
Para rematar, recordan que “o Día Internacional Contra a Homofobia no Deporte conmemórase o 19 de febreiro, día de nacemento de Justinus Fashanu (Londres, 1961- 2 de maio de 1998). Fashanu foi o primeiro deportista profesional que se declarou homosexual na prensa en 1990, decidiu suicidarse oito anos despois canso do acoso. Este día recórdanos que os valores deportivos, antes mencionados, non teñen cabida si exclúese unha parte da sociedade”.