IMG_3569
Novas primeiro equipo

A falta de acerto castiga a un Celta que mereceu máis | RC Celta 0-2 RCD Espanyol

RC Celta

A tarde en Abanca Balaídos comezou cunha imaxe para o recordo. Baixo a choiva, o celtismo volveu dar unha lección de afouteza co primeiro recibimento da tempada: bengalas, cánticos e un ceo tinguido de celeste e vermello marcaron o camiño do equipo cara ao templo. Un ambiente máxico que auguraba unha tarde especial.

Con todo, o encontro arrincou cun contratempo inesperado: Starfelt tivo que abandonar o terreo de xogo por lesión aos poucos minutos, desaxustando unha zaga que tivo que reorganizarse sobre a marcha. Aínda así, o equipo de Claudio Giráldez continuou e empuxou con intensidade nos primeiros compases. O dominio era celeste, pero o Espanyol soubo pecharse con orde e concedeu moi pouco. No minuto 28, un descoido defensivo permitiu ao cadro perico adiantarse por medio de Roberto Fernández, que desviou sutilmente un pase de Puado ante a saída de Guaita. Un golpe duro tras un bo inicio de partido, que pechou unha primeira metade con máis intención que precisión por parte do Celta.

A segunda parte comezou cos celestes envorcados ao ataque. Tentouno Pablo Durán, probouno Aspas cun disparo axustado… pero cando parecía que o empate estaba preto, o Espanyol volveu golpear. Roberto Fernández aproveitou un balón solto tras un mal despexe para asinar o segundo e definitivo tanto. A pesar dos intentos finais, con Fer López como protagonista, o balón negouse a entrar e o marcador terminou 0-2.

O Celta cae en casa tras unha boa serie, pero coa certeza de competir e loitar ata o final. Agora, toca levantarse e pensar xa na próxima cita en Montjuic ante o FC Barcelona.

FICHA TÉCNICA:

0 – RC Celta de Vigo: Guaita, Carreira (WillIot, 72′), Javi Rodríguez (Jailson, 63′), Starfelt (Carlos Domínguez, 14’) Marcos Alonso, Mingueza, F. Beltrán, Sotero (Ilaix Moriba, 46′), Pablo Durán, Aspas (Fer López. 63′) e Alfon.

2 – RCD Espanyol: Joan Garcia, Omar El Hilali, Kumbulla, Cabrera, Carlos Romero, Urko, Pol Lozano (Král, 46′), Antoniu Roca (Jofre, 64′), Expósito (Pere Milla, 75′), Puado (Calero, 83′) e Roberto Fernández (Cheddira, 83′).

Goles: 0-1, Roberto Fernández (28′); 0-2, Roberto Fernández (63′).

Árbitro: Busquets Ferrer (Comité balear). TA: Pol Lozano (44′), Javi Rodríguez (45’+), Puado (77′).

Incidencias: Partido correspondente á Xornada 31 de LALIGA EA SPORTS en Abanca Balaídos ante 19.801 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas