Andrés Antañón, Anxo Rodríguez, Hugo Burcio e Coke Carrillo completaron xunto ao primeiro equipo o stage de pretemporada en Italia, despois dunha tempada inesquecible co Celta Fortuna, culminada co histórico ascenso a Segunda División. Antañón e Anxo chegan, ademais, como recentes campións de Europa sub-19.
“Ninguén podía imaxinar o que logramos a tempada pasada pero esta non empeza nada mal aquí compartindo o stage co primeiro equipo”, recoñece Anxo. Para Antañón, o reto agora é seguir crecendo, “a tempada pasada foi soñada, moi difícil de mellorar, pero temos que ter a ambición de querer mellorala este ano”.
Neste novo paso, os catro atoparon un vestiario que lles fixo sentirse como na casa. A presenza doutros xogadores canteiráns, formados na Madroa, e a experiencia dos máis veteranos facilitaron a súa adaptación.
“Que haxa tanta xente da casa axuda a que haxa este bo ambiente porque todos eles pasaron pola nosa situación”, di Anxo. “Os máis veteranos tamén che fan as cousas súper doadas”, engade Burcio.
E entre os referentes, un moi especial. Compartir adestramentos con Iago Aspas é un privilexio que os canteiráns viven con especial ilusión. “É un agasallo adestrar con Iago Aspas, fala moito connosco e aprendes moitísimo”, conta Coke. “Iago é un xogador que foi o noso referente toda a vida e vímolo sempre en Balaídos e agora compartir con el é un pracer”, engade Antañón.
Catro canteiráns, unha mesma camiseta e todo un reto por diante. O talento Feito na Madroa continúa crecendo e xa está preparado para “unha tempada ilusionante e histórica”, conclúen.