Tras ver portería máis de 150 veces en Primeira División, Iago Aspas continúa escribindo o seu nome na historia do RC Celta ao chegar aos 200 goles coa camiseta celeste, defendendo así o seu título como máximo goleador na historia do club. Este fito non só reflicte o talento innato do moañés, senón tamén o seu arraigamento e contribución invaluable ao equipo dos seus amores.
No partido fronte ao FC Barcelona, correspondente á xornada 25 de LALIGA EA SPORTS, Aspas marcou o seu gol número 151 en Primeira División, que lle levou a alcanzar a cifra redonda de 200 goles co Celta. Un logro que consolida a súa posición como terceiro máximo goleador español do século XXI e que o sitúa como primeiro xogador na historia do club en alcanzar esta destacada marca.
Iago Aspas, lenda viva do RC Celta, suma estas dúas centenas á súa longa lista de proezas. Formado na canteira do club, desde o seu regreso na 2015/16 tras un breve paso por Liverpool e Sevilla, o 10 celeste levou ao equipo a dúas semifinais da Copa do Rey, unha histórica clasificación para as semifinais da Europa League e asegurou varias permanencias en LaLiga, anotando consistentemente: 14 goles (2015/16), 19 (2016/17), 22 (2017/18), 20 (2018/19), 14 (2019/20 e 2020/21), 18 (2021/22) e 12 (2022/23). Uns números que lle serviron para bater récords, como o de igualar a David Villa como único xogador capaz de gañar 4 veces o Trofeo Zarra e aos que agora se engade o de marcar 200 goles co equipo da súa vida.
Aspas, celtista de berce e neno que soñaba con vestir a camiseta do RC Celta, non só cumpriu o seu soño, senón que teceu, e segue tecendo, unha lenda que será lembrada por xeracións. Parabén, Iago!