O RC Celta pasou á seguinte fase de Copa del Rey tras gañar ao Racing Club de Santander en Los Campos de Sport de El Sardinero. Un dobrete de Alfon e un gol en propia porta de Javi Castro deron a vitoria ao cadro celeste ante un conxunto racinguista que puxo as cousas moi difíciles a pesar de estar cun menos durante gran parte do encontro.
Os Reis Magos adiantáronse e chegaron á sobremesa do 5 de xaneiro co mellor dos agasallos: fútbol de alta tensión para os dezaseisavos de Copa, nun partido que terminou con agasallo para os afeccionados celestes.
O choque comezou cun xerro de auga fría para os de Claudio Giráldez, quenes se viron rapidamente por baixo no marcador. Antes de cumprirse os 10 minutos, Andrés Martín adiantaba aos racinguistas cun gol que puxo aos locais para soñar coa sorpresa. Con todo, o Celta non tardou en reaccionar, e foi Alfon quen, tras unha gran asistencia de Pablo Durán, igualaba a contenda.
O encontro complicouse para os montañeses no minuto 35, cando Álvaro Mantilla vía a vermella por unha falta sobre Alfon, deixando ao Racing con 10 xogadores e o partido sen resolver. A pesar da inferioridade numérica, e a diferenza de categorías, os locais volveron poñerse por diante no inicio do segundo tempo, cando un desafortunado despexe de Javi Rodríguez terminou no fondo da portería de Iván Villar, subindo o 2-1 ao luminoso. Pero non sería o único en sufrir esa sorte, xa que un cuarto de hora despois sería Javi Castro o que marcaría en propia, restablecendo as táboas.
O reloxo corría e todo apuntaba a prórroga, pero apareceu Alfon de novo para, no desconto, e despois dunha asistencia medida de Moriba, anotar o 2-3 definitivo.
Con esta vitoria, o RC Celta segue adiante e clasifícase para os oitavos de final da Copa do Rey. O seu próximo rival determinarao o azar o mércores 8 de xaneiro ás 13:00h na Cidade Deportiva de Las Rozas.
FICHA TÉCNICA:
2 – Real Racing Club de Santander: Parera, Michelin (Sangalli, min.78′), Mantilla, Javi Castro, Saúl (Salinas, min. 78′); Vencedor, Aldasoro; Andrés Martín (Pol Moreno, min. 85′), Pablo Rodríguez (Manu Hernando, min. 46′), Vicente e Karrikaburu (Arana, min. 63′).
3 – RC Celta: Iván Villar; Javi Rodríguez, Starfelt, Marcos Alonso; Mingueza (Sergio Carreira, min.46′), Hugo Sotelo (Moriba, min. 73′), Fran Beltrán, Hugo Álvarez (Cervi, min. 46′); Iago Aspas (Swedberg, min. 56′), Alfon e Pablo Durán (Borja Iglesias, min. 66′).
Goles: 1-0, min. 8′, Andrés Martín; 1-1, min. 20′, Alfon. 2-1, min. 70′, Javi Rodriguez (p.p.); 2-2, min. 85′, Javi Castro (p.p); 2-3, min. 92′, Alfon.
Árbitro: González Fuertes. Mostrou cartón amarelo a Pablo Rodriguez (min. 31′), Mingueza (min. 31′), Fran Beltrán (min. 40′), Hugo Sotelo (min. 69′), Arana (min. 75′), Swedberg (90′), Borja Iglesias (min. 95′) e Íñigo Vicente (min. 95′); e vermella directa a Mantilla (min. 35′).
Estadio: Partido de dezaseisavos de final de Copa del Rey xogado en Los Campos de Sport de El Sardinero ante 20.312 espectadores.