16-9
Primeiro Equipo

O fútbol non perde a unha lenda: Iago Aspas renova co Celta

RC Celta

A falta dun partido para pechar a tempada, chega a noticia que todo o celtismo   esperaba, que emociona a todos por igual. A que une xeracións. A que confirma que algunhas historias nunca terán final.

Iago Aspas renova a súa vinculación co club da súa vida. Faio como debe facelo unha lenda, con presente e futuro. Firma ata 2030 e seguirá defendendo o escudo celeste no céspede unha tempada máis (“unha máis”). E no momento no que dea un paso cara a fóra do terreo de xogo, darao á vez cara a dentro do club. Unirase á súa estrutura para continuar achegando. O Iago Aspas de sempre, un novo Iago Aspas.

Porque aquel neno de Moaña que soñou con marcar un gol bonito co Celta dos maiores terminou converténdose na alma de toda unha afección. No canteirán que transformou o imposible en rutina, o que nunca deixou de crer e o que fixo que toda unha xeración crecese sentindo orgullo de ser do Celta.

Con el chegaron noites inesquecibles, goles que forman parte da memoria colectiva do celtismo. Chegaron récords, partidos históricos e un xeito único de entender este escudo. Máximo goleador histórico do club, futbolista con máis partidos da historia coa camiseta celeste e símbolo absoluto dunha afección que se recoñece no seu carácter e nas súas raíces.

Non é que Iago Aspas sexa o mellor xogador da historia do Celta. É que, Iago Aspas é o Celta. Un xogador que marcou unha época, que construíu unha identidade.

E agora, co Celta de novo rumbo a Europa. Vinte e tres anos despois daquela segunda clasificación continental consecutiva, cun equipo feito en casa, con talento Feito na Madroa e co orgullo de Galicia por bandeira, Iago Aspas seguirá marcando o camiño e representando mellor que ninguén o que significa defender este escudo.

Porque a historia de Iago Aspas e o Celta continúa.

Agora e sempre.

Parabéns, capitán!

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas