Abanca Balaídos volveu vestir de gala para arrincar a décimo terceira tempada do RC Celta en Primeira División, converténdose nun dos equipos máis lonxevos da categoría.
Entre os máis de 22.000 afeccionados que non quixeron perderse a cita, moitos nervios, ilusión e emoción de volver ver aos nosos saltar ao terreo de xogo 82 días despois. Un partido que comezaba cunha homenaxe por parte de todo o club a Rodrigo Corrales, xogador da selección masculina de balonmán, que nos recentes xogos olímpicos de París colgábase a medalla de bronce. Corrales foi o encargado de realizar o saque de honra ante a calorosa ovación dun estadio abarrotado.
Acto seguido deu comezo o primeiro encontro en Laliga do RC Celta nesta tempada 24/25 ante o Deportivo Alavés.
Un partido ao que non lle faltou de nada e o conxunto celeste foi de menos a máis. Aos catro minutos, o colexiado, Quintero González, mostráballe a tarxeta vermella a Iago Aspas ante unha falta cometida ao xogador vitoriano, Antonio Blanco. Unha acción que, tras ser revisada polo VAR, o árbitro rectificaba e, finalmente, mostraba o cartón amarelo ao xogador celeste. Un inicio accidentado que aproveitaría o Alavés para adiantarse no marcador, no minuto 17, cun gol de Kike García.
O conxunto celeste trataba de reaccionar e, ao fío do descanso, Iago Aspas marcaría o tanto do empate que finalmente era anulado por un axustadísimo fóra de xogo de Tasos Douvikas, adiantado por escasos milímetros da súa marca.
Ao comezo da segunda parte, Claudio Giráldez movería o banco para revolucionar o partido. Jailson, Williot e o debut ligueiro do canteirán Javi Rodríguez foron a aposta do técnico para lograr unha maior posesión de balón.
Uns cambios que foron determinantes xa que o sueco sería o autor do gol do empate, no minuto 66, ao plantarse ante o gardameta dos babazorros e definir co exterior.
O outro gran protagonista da segunda parte foi Iván Villar con dúas actuacións brillantes xusto no momento no que todo Abanca Balaídos contiña a respiración.
O RC Celta encaraba o final do partido vendo como o Alavés aumentaba a súa intensidade pero, no minuto 84, chegaría o gol da vitoria. Iago Aspas, tras outra xenialidade dun moi en forma Williot Swedberg, definiría cruzado para sentenciar o encontro e acabar co maleficio da primeira xornada.
Primeira vitoria da tempada que posiciona ao RC Celta como líder de LALIGA EA SPORTS. O seguinte encontro volverá ser a domicilio e nun día moi especial para todo o celtismo. O vindeiro venres, 23 de agosto, día do 101 aniversario do RC Celta recibiremos ao Valencia CF en Abanca Balaídos ás 19:00h. Un día moi especial no que o conxunto celeste pelexará por seguir mantendo as boas sensacións e alcanzar a vitoria.
FICHA TÉCNICA:
2 – RC Celta: Iván Villar; Manquillo (Javi Rodríguez, min.46), Starfelt, Carlos Domínguez; Mingueza, Damián, Fran Beltrán (Ilaix Moriba, min.64), Hugo Álvarez; Aspas, Bamba (Williot, min.46) e Douvikas (Borja Iglesias, min.77).
1 – Deportivo Alavés: Sivera; Carlos Vicente, Tenaglia, Abqar, Diarra; Guevara (Benavidez, min.79), Blanco; Luka Romero (Hugo Novoa, min.57), Guridi (Stoichkov, min.68), Conechny (Luis Rioja, min.68); e Kike García (Villalibre, min.79).
Goles: 0-1 Kike García, min.17; 1-1 Williot, min.65; 2-1 Aspas, min.84.
Árbitro: Quintero González (Comité andaluz). Amonestou con cartón amarelo a Iago Aspas (min.8), Claudio Giráldez (min.61), Damián (min.86) por parte do RC Celta, e a Conechny (min.45) e Abqar (min.90) por parte do Deportivo Alavés.
Incidencias: Encontro correspondente á Xornada 1 de LALIGA EA SPORTS disputado no estadio Abanca Balaídos ante a presencia de 22.477 espectadores.