Chega ao RC Celta un xogador de apelido insigne, nome significativo para o celtismo e autor de páxinas inesquecibles na historia do seu club. Augusto Solari, autor do gol que lle deu o seu último título da Superliga arxentina a Racing Club de Avellaneda ás ordes de Eduardo Coudet, firma polo club celeste por dúas tempadas e media ampliables.
O xogador xa pasou recoñecemento médico na Clínica do RC Celta en A Sede e asinou o seu contrato co club.
Augusto Solari (Rosario, 3 de xaneiro de 1992), membro dunha familia extremadamente ligada ao fútbol, é un interior dereito de gran calidade, oficio e entrega, cunha dilatada carreira en Arxentina, onde logrou 4 títulos: dúas Ligas, unha Copa Libertadores e unha Copa Sudamericana.
Reencóntrase con Coudet nun RC Celta que xa reforzara o seu persoal neste mercado invernal co lateral zurdo Aarón Martín, quen debutó no campionato de Liga o pasado mércores en Sevilla.
O centrocampista ofensivo arxentino, que pode ocupar diversas posicións no costado dereito e posúe pasaporte italiano, formouse nas categorías inferiores de River Plate e posteriormente xogou en Estudantes para recalar no ano 2017 en Racing Club de Avellaneda, onde ofreceu un espléndido rendemento ás ordes de Eduardo Coudet.