O conxunto dirixido por Rafa Benítez pecha o seu quinto e último partido amigable de pretempada cunha vitoria, por tres tantos a cero, ante a SD Compostela na VII edición do Memorial Antonio Bermúdez.
O equipo vigués disputou unha primeira parte de gran control, que terminou dando os seus froitos cando no minuto 30, tras unha precisa asistencia de Bamba, o capitán, Iago Aspas, anotou o primeiro tanto dos celestes e inaugurou o marcador.
Tras o intermedio e oito trocos no once celeste, o RC Celta saltou ao terreo de xogo para disputar uns segundos 45 minutos onde os cambios de ritmo e intensidade foron os protagonistas. Así, das botas de Larsen e Luca da Torre chegarían os outros dous tantos do Celta.
Desta forma, o RC Celta pon o broche final á súa pretempada cun balance moi positivo, alzándose vitoriosos en catro dos cinco partidos disputados.
A partir de mañá, os de Benítez xa estarán coa cabeza no arranque ligueiro desta tempada 2023/24, onde os celestes estrearanse en casa, en Abanca Balaídos, ante o CA Osasuna o domingo ás 17:00 horas.