A vitoria ante o Levante do pasado venres conlevou a permanencia matemática e a décima tempada consecutiva en Primeira División, un gran logro alcanzado con meritoria antelación. Pero tamén un doloroso ‘parte de guerra’ con catro xogadores aqueixados de dolencias musculares.
As probas realizadas polos servizos médicos do club revelan que o RC Celta perderá durante varias semanas a Renato Tapia e a Jeison Murillo, mentres que Iago Aspas e Aidoo sofren lesións de menor relevancia.
As ecografías realizadas desvelan que Murillo sofre unha rotura de grado I no recto anterior da coxa esquerda e estará de baixa unhas catro semanas. Pola súa banda, Renato Tapia presenta tamén unha rotura de fibras de grado I no bíceps femoral esquerdo e o seu tempo de inactividade roldará as tres semanas.
Aidoo sofre unha elongación distal no biceps femoral dereito que lle manterá inactivo unha semana e Iago Aspas padece unha contractura tamén no biceps femoral dereito, unha lesión leve cuxa evolución determinará a inactividade do canteirán.